Rematan con éxito as rutas do Románico da Deputación, nas que participaron unhas 300 persoas

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Esta edición contou con 16 itinerarios ao seu paso por concellos de toda a provincia
rutas-do-romanico-a-ulloa
9 Jun 2025

Unhas 300 persoas desfrutaron estes días da quinta edición do Coñece o románico da provincia de Lugo, un programa de rutas gratuítas que organizou a Deputación pola provincia. Neste quinto ano, a institución provincial programou un total de 16 itinerarios ao seu paso por unha vintena de concellos co obxectivo de poñer en valor e difundir o patrimonio do territorio lucense.

“Todas as rutas completaron as prazas, polo que esta nova edición foi un éxito un ano máis”, sinalou a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto. Explicou a responsable provincial que este programa enmárcase na estratexia turística da Deputación de Lugo, que aposta por un modelo de turismo de proximidade, sostible, de calidade, e desestacionalizado. Unha iniciativa que se desenvolve en pequenos grupos, sen masificacións, e que deixa valor real no territorio en termos económicos e de emprego.

As visitas comezaron o último venres de maio co itinerario guiado en Lugo, pola Catedral de Santa María e a Cidade Medieval. Esa fin de semana tamén houbo rutas polo Saviñao, Portomarín e Paradela, Taboada e o rural da capital lucense; Monforte de Lemos, Foz e Viveiro. Este sábado pasado, 7 de xuño, foron protagonistas os percorridos polo románico de Pantón, Antas de Ulla, Ribas de Sil, Quiroga, Palas de Rei e Monterroso. A edición finalizou onte, domingo, con itinerarios por Sarria, Chantada, Meira e Sober.

A Deputación de Lugo ingresou no 2020 na Ruta da Transrománica, recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa, o que situou ao románico lucense no nivel máis alto de recoñecemento europeo.

⚙ Configurar cookies
0.1658718585968