Remata a liga da Conferencia do Norleste de Billarda

TerraChaXa | AMariñaXa
O Campo da festa de Remourelle, en Ribadeo acolleu unha nova edición da Liga do Norleste de Billarda baixo a choiva pero sen esquecer o amor a este deporte.
DSC05576
23 May 2019

O Campo da festa de Remourelle, en Ribadeo acolleu unha nova edición da Liga do Norleste de Billarda baixo a choiva pero sen esquecer o amor a este deporte.
En xogo estivo o primeiro posto individual polo que os billardeiros musicais Daniel e Manu Pozo loitaron, ademais do campionato por equipos entre Carabullo e Billardeiros Musicais con vantaxe dos primeiros de tres puntos. O resto de clasificados estaba practicamente decidido e casi non tivo cambios.
Comenzou o xogo con Daniel moi incisivo e algo ansioso por acadar rapidamente o varal; o seu primeiro golpexo saíu escopeteado a rentes do varal e o segundo seguiu polo mesmo camiño mentres que Pozo, máis comedido e co seu xogo pausado pero seguro, deixaba a billarda moi preto da meta e lograba puntuar co segundo intento.
A segunda carreira foi calcadiña á primeira e deixou xa a Manu Pozo con moita vantaxe e malia que Daniel soupo reaccionar, xa foi tarde porque ó seu compañeiro non lle tremou o pulso e rematou gañando a xornada e proclamándose Campión da Conferencia.
Segundo da xornada foi o tamén mariñao e tricampión nacional Markytos con unha moi boa tarde na que por riba acadou un varado que lle permite clasificarse tamén directamente para a especialidade sin ter que xogar desempate ningún. Terceiro rematou Santi de Carabullo.
A loita por equipos resolveuse finalmente a favor dos Billardeiros Musicais de Ribadeo que foron quen de enxugar a diferenza de tres puntos cunha actuación moi regular de todos os compoñentes e remataron gañando a xornada e acadando tamén o seu décimo campionato da Conferencia NorLeste. Segundos da tarde foron os Chaizos-Cadaval cos mesmos puntos cos campións e terceiros os Carabullo.
En Varados, Santi proclamouse Campión da tempada gañando nun desempate ao seu compañeiro Charli, ambos os dous estaban igualados a sete varados. Terceiro foi Regueiro.
En Féminas, xa estaba decidido o triunfo para Geni, á que acompañan no podio Paula como segunda e Sara como terceira da tempada.
En canto á categoría infantil, Manu Caldeiro de Carabullo non tivo competencia e revalidou o título que xa tiña de seu.
Suso como anfitrión agasallou con candanseu coello aos tres primeiros clasificados e para o equipo gañador da xornada un fermoso galo. A continuación o seleccionador Manolo Flores foi o encargado de repartir unhas fermosas e artesanais figuras, saídas das artísticas mans de Ismael e de Manu, así como uns trofeos facilitados unha vez máis polo Concello de Ribadeo, os campión da tempada en cada categoría.
O vindeiro domingo 26 terá lugar a festa billardeira de Santiago, onde agardan sacar uns bons resultados fronte ás conferencias do NorOeste e de Rías Baixas e traer algún título nacional para a Conferencia luguesa.
Así quedaron os podios da tempada:
Categoría absoluta:
1º Manu Pozo (B. Musicais)
2º Daniel (B. Musicais)
3º Chousa (Carabullo)

Femenina
1ª Geni (Billardeiros Musicais)
2ª Paula (Chainzos-Cadaval)
3ª Sara (Polka Miseria)

Varados
1º Santi (Carabullo)
2º Charli
(Carabullo)
3º Regueiro (Troitas Bravas)

Equipos
1º Billardeiros Musicais (Ribadeo)
2º Carabullo (Ponte de Outeiro-Castro)
3ª Troitas Bravas
(A Pontenova)

Infantil
1º Manu Caldeiro (Carabullo)
2º Iker (remourelle Bulls)
3º Marcos (Troitas Bravas)

0.16549301147461