Remata a instalación da pista de skate en San Cosme
Rematou a montaxe do novo parque de skate de San Cosme de Barreiros, financiado pola Deputación Provincial de Lugo. O espazo, situado na parte traseira do teleclub, contará con catro elementos para a práctica desta modalidade deportiva, parte deles xa instalados e dispoñibles para a mocidade do municipio.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, explicou que “coa habilitación desta zona se atende unha demanda da rapazada de Barreiros, á que se ofrece unha alternativa da que ata agora non dispoñía”. Engadiu que “a creación do parque de skate enmárcase dentro das actuacións do goberno municipal para dotar a Barreiros de novas zonas de ocio adaptadas a todas as idades e preferencias”.
Esta obra contou cunha achega do ente provincial de 23.053,90 euros e foi realizada pola empresa pública Tragsa, mentres que o propio Concello de Barreiros destinou 1.011,85 euros de fondos propios.