Regresará o servizo de transporte gratuíto á Festa do Percebe de Rinlo do próximo sábado

AMariñaXa
Os horarios serán de 12 a 15 horas, dende a estación de autobuses de Ribadeo a Rinlo, de forma continuada. E de nove da noite a unha da madrugada, dende Rinlo á estación de autobuses, tamén de forma continuada
presentacion-percebus-rinlo
25 Jul 2026

A Festa do Percebe de Rinlo, que se celebra o 1 de agosto, contará de novo con Percebus. O Concello de Ribadeo aumenta o servizo pola noite.

O alcalde, Dani Vega, contou que “o sábado, día 1 de agosto, celebramos a Festa do Percebe, esa celebración que queren poñer en valor desde a agrupación de percebeiros e percebeiras e tamén desde a confraría en colaboración co Concello e coa Xunta. En primeiro lugar destacar que é unha celebración para poñer en valor un produto de calidade e un produto do mar. E segundo, destacar a colaboración tamén, xa que é unha celebración que a Xunta de Galicia financia e polo tanto o noso agradecemento. E evidentemente á organización, que leva moitos anos preparando unha celebración para poñer en valor non só o produto do mar, senón tamén todo o seu traballo diario. Esta festa, que empezou hai moitos anos, que un grupo de percebeiras decidiu arrancar para poñer en valor o traballo diario e constante que ten o mundo do mar e tamén o produto gastronómico, o percebe”.

O rexedor dixo: “creo que Rinlo, que ten unha entidade propia, que é unha vila mariñeira, que queremos estar constantemente apoiando, organizando eventos e tamén investindo para seguir mellorando toda unha vila espectacular, marabillosa e unha vila tremendamente mariñeira”.

Vega manifestou: “estas celebracións con orden, cun traballo coordinado, é como se fan as cousas. E tamén dotar a esta festa, a esta celebración de seguridade. E por iso xa hai 3 anos que vimos poñendo a disposición de todos os que acoden a Rinlo o servizo de transporte público gratuíto, o Percebus.

Recordade os horarios de 12 a 15 horas, dende a estación de autobuses de Ribadeo a Rinlo, de forma continuada. E de nove da noite a unha da madrugada, dende Rinlo á estación de autobuses, tamén de forma continuada. Este ano imos incrementar o servizo de bus de nove da noite a unha da madrugada, en lugar de dous imos contar con tres autobuses, porque fomos vendo durante estes anos que empezábamos cun, seguimos con dous e agora fan falta os tres autobuses para darlle maior axilidade e así tamén garantir en maior medida a seguridade”.

O alcalde ribadense considera que “entre todos é como se fan as cousas, volvo a agradecer ás percebeiras e percebeiros o traballo que fan nesta celebración, nesta posta en valor do produto do mar, pero tamén ese traballo constante e continuo de seguir ese relevo xeracional do mundo do mar”.

0.12570691108704