Recursos de Galicia inicia a comunicación das axudas á factura eléctrica para a veciñanza do parque eólico de Mondigo

Recursos de Galicia (RDG) comezou este martes a informar de maneira personalizada aos veciños beneficiarios das bonificacións previstas no programa Mondigo Beneficia, unha iniciativa que permitirá reducir de forma significativa o custo da electricidade para os fogares situados na contorna do parque eólico de Mondigo, na Mariña lucense. A comunicación das resolucións provisionais realizarase de porta en porta nos municipios de Barreiros, Ribadeo e Trabada e prolongarase ata finais da próxima semana.
Coincidindo co inicio desta campaña informativa, a entidade abriu tamén un período para que as persoas solicitantes poidan presentar alegacións ou completar a documentación pendente dos seus expedientes. Este prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 31 de agosto e permitirá corrixir posibles erros ou achegar información que non fora incorporada inicialmente.
O programa contempla descontos do 80 % sobre o termo de enerxía da factura eléctrica para as vivendas situadas nun radio de ata 1,8 quilómetros do parque eólico. Trátase dunha das medidas impulsadas por RDG tras a adquisición destas instalacións, dentro dunha estratexia que combina beneficios directos para a veciñanza, tarifas competitivas para as empresas, maior participación do territorio nos proxectos enerxéticos e o compromiso de que a enerxía xerada en Galicia repercuta no propio territorio.
Ao longo dos últimos meses desenvolveuse un proceso de información e tramitación das solicitudes. Tras o envío dunha carta explicativa aos residentes da área de influencia, habilitouse unha páxina web específica e un servizo de atención presencial para facilitar a presentación das peticións.
En total rexistráronse 471 solicitudes, das que 23 resultaron duplicadas. Das 448 peticións válidas, 229 obtiveron unha resolución favorable nunha primeira revisión, mentres que outras 132 permanecen pendentes de completar documentación ou de aclarar determinados datos, como a localización da vivenda, a achega de facturas recentes ou o código CUPS da subministración eléctrica. Pola súa banda, 87 expedientes foron denegados provisionalmente ao corresponderse con inmobles situados fóra da área de influencia ou por tratarse de solicitudes presentadas por empresas, que contarán cun programa específico.
Os solicitantes coñecerán o resultado das súas peticións entre esta semana e o 7 de agosto. Ata finais dese mes poderán solicitar a revisión das resolucións ou completar os expedientes a través do correo electrónico habilitado por RDG. Ademais, a compañía manterá un servizo de atención telefónica e apoio presencial durante o período de comunicación das resolucións.
As bonificacións serán financiadas integramente por RDG Xeración e aplicaranse directamente nas facturas da comercializadora elixida polo usuario, sempre que estea adherida ao programa. A primeira empresa en incorporarse foi Máis Enerxía, aínda que Recursos de Galicia confía en que outras comercializadoras se sumen progresivamente a esta iniciativa.
A compañía tamén avanzou que prevé estender este modelo de incentivos a outras zonas de Galicia nas que adquira novas instalacións de produción enerxética, dentro da súa estratexia para favorecer un desenvolvemento enerxético con retorno económico e social para o territorio.