Recursos de Galicia impulsa un encontro co tecido empresarial da Mariña para analizar o impacto enerxético de Mondigo

AMariñaXa
A compañía estuda o consumo das empresas de Trabada, Ribadeo e Barreiros para deseñar posibles fórmulas de estabilidade e redución de custos eléctricos
Recursos-De-Galicia_Trabada-Mondigo-2026
20 May 2026

A sociedade enerxética Recursos de Galicia mantivo unha serie de reunións co tecido empresarial dos concellos de Trabada, Ribadeo e Barreiros co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades de consumo eléctrico das empresas da zona e avaliar posibles vías de adaptación da oferta enerxética.

Estes encontros enmárcanse no desenvolvemento do parque eólico de Mondigo, na Mariña Oriental, adquirido pola compañía e que se atopa xa en funcionamento desde finais do ano pasado. A instalación conta con 11 aeroxeradores, unha potencia total de 49,5 MW e unha produción anual estimada de arredor de 131 GWh.

Segundo explicou o conselleiro delegado da entidade, a intención do proceso é recoller datos reais sobre a demanda enerxética do tecido produtivo local para poder avanzar nunha ferramenta que permita ofrecer condicións máis estables e axustadas ás necesidades das empresas, incluídas pequenas e medianas industrias.

Na xuntanza participaron representantes de distintos sectores económicos da comarca, así como os alcaldes dos tres municipios implicados, que acompañaron o proceso de intercambio de información e valoración das necesidades do territorio.

A compañía sinala que o obxectivo é estudar mecanismos que permitan trasladar parte do impacto da xeración renovable ao ámbito local, tanto no eido empresarial como no doméstico, e analizar posibles modelos de participación e beneficios asociados á contorna do parque eólico.

No caso de Mondigo, xa están en marcha algunhas medidas iniciais vinculadas á proximidade da instalación, como programas de descontos para veciñanza nun radio determinado e a apertura a fórmulas de diálogo co entorno social e institucional.

A recollida de información continuará nas próximas semanas, co fin de dispoñer dun diagnóstico máis preciso sobre os custos enerxéticos da zona e as posibilidades de mellora da competitividade das empresas.

0.1175229549408