Récord de participación na Carreira Solidaria de Reis de Barreiros

AMariñaXa
O evento solidario recadou máis de 600 euros a prol da asociación Saúde Mental A Mariña
Solidariedade-na-Carreira-de-Reis-meta-2025-barreiros
14 Jan 2025

Carreira Solidaria de Reis, organizada polo Concello de Barreiros, conseguiu recadar un total de 667 euros, que serán destinados á Asociación Saúde Mental A Mariña, coa que o Concello colabora nesta edición do ano 2025.

A xornada celebrouse o pasado domingo 12 de xaneiro en San Cosme e contou cun amplo programa de actividades. Incluíu unha andaina de 9 quilómetros, na que participaron 87 persoas, así como diversas carreiras infantís antes da proba absoluta de 8 quilómetros. A elevada participación, con 329 inscricións, marcou un récord histórico para este evento.

O evento desenvolveuse nun ambiente de gran deportividade e solidariedade, reunindo no centro da vila a participantes, acompañantes e veciñanza. Foi unha celebración marcada polo espírito comunitario e o compromiso social.

O Concello de Barreiros quere expresar o seu profundo agradecemento a todas as persoas e entidades que contribuíron ao éxito da iniciativa. En especial, agradece a quen realizou doazóns no momento da inscrición, así como ás entidades patrocinadoras e ás asociacións colaboradoras, cuxo apoio resultou fundamental para facer posible este evento deportivo e solidario.

0.12460494041443