Recollen firmas na Misericordia para pedir a mellora dos accesos á rúa Calvario de Viveiro

AMariñaXa
Veciños e veciñas da Misericordia acudiron ao mercado deste domingo a recoller sinaturas para que podan acceder vehículos na rúa Calvario.
vecinos firmas misericordia rua calvario
19 sep 2022

Veciños e veciñas da Misericordia xunto con Míriam Bermúdez, portavoz do BNG de Viveiro, acudiron ao mercado deste domingo 18 de setembro a recoller sinaturas para que podan acceder vehículos de emerxencias e outros servizos básicos na rúa Calvario en Misericordia.

Míriam Bermúdez indica que "estas sinaturas servirán para que a veciñanza poda incluír na sesión plenaria este asunto e exixir á alcaldesa que tome cartas no asunto resolvendo a situación desta veciñanza que está a pagar os seus impostos sen poder recibir servizos básicos dende hai décadas".

"Demanda a veciñanza de Misericordia que se modifique a normativa para poder abrir a pista proxectada dende hai anos, na que existen acordos coas persoas propietarias das parcelas a expropiar para a creación da mesma, permitindo así o acceso de bombeiros, ambulancias e dando saída a este acceso que non a ten", incide Míriam Bermúdez.

Indica ademais que "tendo en conta o ocorrido nas anteriores sesións plenarias nas que María Loureiro lle negou a palabra á veciñanza, esta recollida de sinaturas permitirá que podan intervir directamente as persoas afectadas na sesión plenaria e sexan escoitadas."

A recollida de sinaturas no mercado de Viveiro resultou ser un éxito e visualizou a problemática que sofre esta veciñanza que cun único acceso estreito, en curva e cunha elevada pendente que impide o acceso a servizos vitais.

0.17169594764709