Realízase en Burela unha nova entrega da maleta viaxeira contra a violencia de xénero

AMariñaXa
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destaca a necesidade de concienciar á mocidade
isabel-deputacion
26 Dec 2024

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou en Burela a necesidade de concienciar e formar á mocidade e á infancia para previr e detectar todas as formas de violencia machista. Así o trasladou nunha nova entrega de libros da MAVI, a maleta viaxeira contra a violencia de xénero.

A subdelegada presentou xunto á alcaldesa, Carmela López, a concelleira de Igualdade, Alexandra Fernández, a responsable do CIM e a Xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación, a posta a disposición dos libros da MAVI para a veciñanza de Burela, agradecendo á rexedora a receptividade e a aposta compartida de ambas administracións para loitar contra esta violencia estrutural.

“Contamos cos concellos para traballar nesta cuestión de estado creando conciencia sobre un problema que nos afecta a todas e todos, e que ademais é un asunto que segue á orde do día e que continúa a provocar sufrimento e desigualdade en todo o país” manifestou a subdelegada.

Así, Rodríguez lembrou que na loita contra este tipo de violencias é indispensable a educación e o fomento da lectura. “Por ese motivo estamos a mover pola provincia estas lecturas que abordan temáticas que favorecen un pensamento crítico e de adopción dunha actitude de repulsa ante comportamentos machistas e discriminatorios, así como a perpetuación dos estereotipos e roles de xénero”.

A subdelegada celebrou a boa acollida que ten o programa na provincia, destacando a pegada que pode deixar este recurso “empregado para remover conciencias e cambiar hábitos machistas aínda presentes nunha sociedade que a día de hoxe segue marcada polas conductas sexistas e patriarcais”.

MAVI

A maleta conta con doce libros para que tanto mulleres coma homes poidan formar parte do proxecto, incluíndo un diario onde as persoas que participen poidan expresar as súas reflexións e opinións sobre os libros e as experiencias que tiveron a través da lectura.

Entre os títulos que garda a maleta de Barreiros están 'A historia dos bonobos con lentes', de Adela Turín; 'Yo voy conmigo', de Raquel Díaz; 'Los hombres me explican cosas', de Rebecca Solnit; 'Mentiras para ser una mujer de verdad. Manual para principiantes', de Rocío Salazar; 'Si es amor, no duele', de Pamela Palenciano e Iván Larreynaga; 'El futuro es femenino: Cuentos para que juntas cambiemos el mundo', VVAA; 'Lola Vendetta. Una habitación propia con wifi', de Raquel Riba; 'Matriarcas. Mulleres en pé de vida', de Montse Fajardo; 'A mi no me iba a pasar', de Laura Freixas; 'Invisibles: Relatos del maltrato', de Montse Fajardo; 'Feminismo para principiantes', de Nuria Varela e Antonia Santolaya; 'Voces que cuentan. Una antología', VVAA.

0.16958999633789