Realizarase unha auditoría da rede de abastecemento de Viveiro para planificar as obras futuras

AMariñaXa
A tenencia de Alcaldía de Viveiro realizará unha auditoría da rede de abastecemento municipal co obxectivo de planificar futuras obras de mantemento, reducir as perdas de auga e mellorar a eficiencia do servizo.
Auditoría Abastecemento Viveiro
14 Abr 2024

A tenencia de Alcaldía de Viveiro realizará unha auditoría da rede de abastecemento municipal co obxectivo de planificar futuras obras de mantemento, reducir as perdas de auga e mellorar a eficiencia do servizo.

“Coa auditoría, pretendemos identificar os problemas na rede e aforrar custos ao detectar e corrixir perdas de auga debido ás fugas e optimizando o consumo enerxético dos equipos”, explica o concelleiro Ramón Martínez.

“Queremos identificar áreas onde a distribución de auga non é eficiente e implementar medidas para mellorar o fluxo, e sobre todo coñecer o estado actual da rede de abastecemento para planificar de forma efectiva futuras obras de mantemento, reparación ou expansión da infraestrutura”, engade.

O servizo de abastecemento de Viveiro está composto por catro captacións, unha ETAP, doce depósitos de cabeceira e distribución, seis estacións de bombeo e as redes de distribución correspondentes.

Para realizar a auditoría, o Concello obtivo unha subvención de Augas de Galicia: “Somos conscientes dos puntos nos que se dan roturas máis habitualmente, e con este estudo poderemos determinar cal é a actuación máis correcta para solventalo”, remata Ramón Martínez.

0.080596923828125