Realizaranse melloras nas infraestruturas hidráulicas de Viveiro

AMariñaXa
A Xunta pon de manifesto o compromiso que ten nesta materia, a pesar de ser de competencia municipal
Reunión-Viveiro-1
26 Nov 2024

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, mantiveron esta mañá unha xuntanza con representantes da corporación municipal de Viveiro para abordar cuestións relativas ás infraestruturas hidráulicas no municipio. No encontro púxose de manifesto o compromiso do Goberno galego nesta materia que, a pesares de ser de competencia municipal, supuxo un investimento autonómico de preto de 8 millóns de euros no concello mariñán nos últimos anos.

En concreto, referíronse á mellora nas liñas de tratamento da EDAR de Viveiro, que contou cun orzamento de preto de 3,7 millóns de euros, e ás obras do saneamento de Celeiro, que permitiron completar a mellora do sistema de tratamento de augas na ría viveirense e ás que se destinaron case 3,9 millóns.

Os responsables autonómicos interesáronse no encontro pola situación actual do Concello de Viveiro en materia de saneamento -moi semellante á doutros municipios da provincia-, e explicaron que se está a levar a cabo un estudo neste eido, pese a ser de competencia municipal. Os resultados serán trasladados ás institucións europeas para optar a axudas, mediante ordes que canalizaría Augas de Galicia e que redundarían nun impulso para os concellos.

Na xuntanza abordouse ademais o problema das zonas inundables e a solución proxectada para o barrio de Xunqueira. Nesta liña, lembraron que este mesmo mes se asinou un convenio a tres bandas que prevé destinar 1 millón de euros á intervención na contorna do río Fontecova para reducir o risco de asolagamentos no núcleo da Tafona. A Xunta, a través de Augas de Galicia, achegará 600.000 euros do orzamento total, e Deputación e Concello de Viveiro o 40 % restante.

0.16318297386169