Queremos Galego inicia o sábado en Mondoñedo a recollida de sinaturas pola ILP Lingua Vital

AMariñaXa
A campaña precisa reunir 10.000 apoios para impulsar unha lei que garanta a presenza do galego en todos os ámbitos da sociedade
Queremos-Galego-A-Mariña
5 Nov 2026

A plataforma Queremos Galego iniciará o vindeiro sábado, día 7, a recollida de sinaturas na Mariña para apoiar a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) Lingua Vital. A primeira convocatoria terá lugar ás 12.30 horas na Praza da Catedral de Mondoñedo, onde as persoas interesadas poderán sumarse a unha proposta que pretende chegar ao Parlamento de Galiza.

A iniciativa precisa reunir un mínimo de 10.000 sinaturas para que poida ser debatida na cámara galega. A plataforma puxo en marcha a campaña despois dun proceso de traballo no que participaron centos de organizacións e entidades sociais de diferentes ámbitos, co obxectivo de consensuar unha proposta lexislativa que garanta a presenza e o uso do galego en todos os espazos e situacións.

O voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, asegurou durante a presentación da campaña que "o galego está en emerxencia, mais a situación pode reverterse". Para iso, considerou necesario contar co compromiso das organizacións sociais e dos poderes públicos, así como impulsar medidas que lle dean futuro á lingua e aseguren o seu uso e presenza en todos os ámbitos.

Maceira explicou que a ILP pretende garantir que as persoas que xa falan galego poidan seguir facéndoo sempre e que aquelas que desexen incorporalo á súa vida poidan facelo "sen obstáculos e sen límites", independentemente do seu lugar de nacemento. "Unha lei para unha lingua con vida", resumiu.

A proposta contempla abrir espazos para o galego en todos os ámbitos e modificar ou derrogar as normas que, segundo a plataforma, limitan a súa presenza, entre elas o decreto do plurilingüismo no ensino. Tamén defende que a lingua propia de Galicia sexa vehicular, de acollida e de integración nos centros educativos.

A iniciativa recolle ademais medidas para garantir os dereitos lingüísticos na sanidade, na xustiza, na administración e no comercio, así como para reforzar a presenza do galego na cultura, no audiovisual e nos medios de comunicación. No ámbito internacional, reclama a súa oficialidade na Unión Europea e a integración na lusofonía.

As persoas que queiran participar na campaña poden consultar os puntos e as datas de recollida de sinaturas na páxina web linguavital.gal.

0.13103413581848