Queremos Galego chama a mobilizarse este domingo en defensa da lingua galega

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A manifestación terá lugar este domingo na Alameda de Santiago de Compostela baixo o lema “O galego, lingua vital”
queremos-galego
13 May 2026

A plataforma Queremos Galego chama a cidadanía a participar de forma “masiva” na manifestación nacional do vindeiro domingo 17 de maio, Día das Letras Galegas, que se desenvolverá ás 12:00 horas na Alameda de Santiago de Compostela baixo o lema “O galego, lingua vital”.

A entidade pon o foco na “grave situación de emerxencia lingüística que atravesa o galego” e reclama medidas urxentes para garantir o seu futuro. “O galego é a nosa lingua vital. Precisámolo para a existencia, o desenvolvemento e a cohesión social de Galiza”, sinalan desde a plataforma, que denuncia que os datos sociolingüísticos evidencian un retroceso continuado do uso do idioma, provocado pola falta de oferta e disposición en galego en numerosos ámbitos da vida pública e privada. A exclusión da lingua galega, advirten, limita as posibilidades de uso, dificulta a incorporación de novas falantes e debilita a continuidade de quen xa a emprega.

Queremos Galego defende que esta emerxencia lingüística “é reversible”, pero que precisa de “políticas claras e compromisos reais por parte das institucións e da sociedade”. Nese marco, centos de colectivos sociais agrupados na plataforma promoveron o protocolo Lingua Vital, un documento que recolle accións individuais, sociais e institucionais para reforzar a presenza do galego en todos os ámbitos.

A iniciativa, sinalan, pretende funcionar como “un verdadeiro pacto pola lingua”, aberto a todas as persoas, colectivos e institucións que consideren que “Galiza só ten futuro se a súa lingua ten futuro”.

Neste contexto, a plataforma fai un chamamento á cidadanía a participar na manifestación nacional deste domingo para defender o dereito a vivir plenamente en galego e reclamar políticas efectivas de normalización lingüística.

0.12832188606262