Queixas veciñais polo mal estado dun paso de peóns entre Carlos III e Rafael Fernández Cardoso

Veciños e veciñas de Ribadeo veñen de manifestar o seu malestar polo estado no que se atopa o entorno dun paso de peóns situado entre a rúa Carlos III e a rúa Rafael Fernández Cardoso. Segundo denuncian, para continuar o itinerario peonil é necesario atravesar unha esquina sen asfaltar que, nos días de chuvia, convértese nun auténtico lodazal.
As persoas afectadas explican que, ao cruzar polo paso de peóns desde Carlos III, atópanse cun tramo de terra embarrada antes de poder continuar polo seguinte paso de peóns en Rafael Fernández Cardoso. Esta situación, sinalan, dificulta seriamente o tránsito e supón un problema especialmente acusado durante esta época do ano, cando as choivas son frecuentes e o terreo queda impracticable.
A preocupación veciñal aumenta polo feito de que se trata dunha zona moi transitada a diario. Nas inmediacións atópanse o colexio Sagrado Corazón de Xesús e os cines de Ribadeo, polo que o paso é utilizado habitualmente por nenos e nenas, persoas maiores e familias. Segundo indican, o barro obriga a buscar rodeos ou a cruzar con dificultade, co conseguinte risco de caídas ou sucidade.
Ante esta situación, os veciños preguntan cando o Concello ten previsto actuar para asfaltar esa pequena esquina e completar adecuadamente o itinerario peonil. Consideran que se trata dunha intervención sinxela, pero necesaria, para garantir a seguridade e comodidade das persoas que transitan por este punto do casco urbano.