Quedou constituído o novo Goberno da Deputación provincial
José Tomé Roca: “Daremos un novo impulso ó proxecto de progreso social e económico que temos para a provincia, apoiando os servizos públicos e o emprego a través da cooperación cos concellos”.
Este venres quedou constituída a Corporación da Diputacion de Lugo logo de que todos os deputados xuraran o seu cargo. Actuaron como mestres de cerimonia o maior, José Pardo Lombao, e o máis novo, Iván Castro.
O PP, como partido máis votado, propuxo como candidato para presidir a institución provincial a Antonio Ameijide, mentres que PSOE presentou a José Tomé Roca e o BNG renunciou a elevar un candidato propio.
Trala votación, na que o PSOE contou co esperado apoio do BNG, José Tomé Roca foi nomeado novo presidente.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, dará “un novo impulso ó proxecto de progreso social e económico que temos para a provincia, consolidando para elo a cooperación cos concellos como elemento vertebrador de todas as nosas políticas. A Deputación é o Concello dos Concellos. Esta é a miña máxima. Por iso, traballaremos cada día para que esta institución sexa o máis útil posible a cada un dos 67 concellos de Lugo, porque esta é a mellor maneira de ser útiles ós 323.989 veciños e veciñas da nosa provincia, e asegúrolles que os datos demostran que somos útiles”. Así o subliñou José Tomé na súa toma de posesión do cargo durante o Pleno de constitución da nova Corporación provincial, un acto que encheu na mañá deste venres o Salón de Plenos do Pazo de San Marcos.
Tras un primeiro mandato no que “recuperamos a estabilidade da institución, afrontamos retos inimaxinables naquel momento como a pandemia dándolle asistencia ós concellos e despregamos un ritmo de xestión e execución constante e moi elevado, cunha media do 85% de execución do Orzamento de gasto, o meu compromiso de cara o futuro é facelo aínda mellor”, subliñou o presidente.
“Estabilidade, rigor, transparencia, xestión e política de feitos” son os valores que guiarán o segundo mandato de José Tomé Roca á fronte da institución, no que, asegurou, “volcaremos todos os recursos posibles para sacar adiante conxuntamente cos concellos medidas e proxectos que acerquen os servizos públicos á xente e que contribúan a manter e crear emprego, a única fórmula que nos permitirá afrontar con eficacia o reto demográfico, o maior problema que temos na actualidade”.
As administracións locais, Deputación e concellos, son “eficaces para reter o talento, aproveitar as oportunidades e desenvolver as ideas que hai no rural, pero non podemos traballar soas. As administracións locais non podemos seguir sendo os parentes pobres que se sentan nunha esquina da mesa común. O futuro tense que construír sobre concellos fortes, con suficiencia orzamentaria para garantir o acceso ós servizos públicos para todos os veciños, e medios para levar adiante proxectos de transformación social e de creación de emprego. Por iso, reivindicaremos o municipalismo e levaremos as súas reclamacións ante a Xunta de Galicia, o Goberno do Estado e as institucións europeas”, asegurou o mandatario provincial no seu discurso de investidura.
ACORDO ENTRE PARTIDOS
O PSdeG e o BNG acadaron un acordo marco para facilitar a constitución e a conformación de gobernos compartidos nas Deputacións Provinciais de Lugo e A Coruña. Así figura nun documento pechado entre as direccións das dúas formacións políticas e asinado con data de hoxe polo secretario de Organización dos socialistas galegos, José Manuel Lage, e o representante da área de Organización do Bloque, Bieito Lobeira.
O documento, que leva por título Acordo para acadar a actuación nas Deputacións Provinciais e conformación dos gobernos provinciais, recolle a vontade do PSdeG e do BNG de avanzar nunha “decidida política de delimitación” das competencias dos entes provinciais para transferir á Xunta as consideradas impropias, ao tempo que se propoñen afondar na transparencia na toma de decisións e seguir afondando nun modelo alternativo ao do Partido Popular, no que garantir a equidade na xestión dos recursos é o principal sinal de identidade.
Neste sentido, ambas forzas reiteran o seu compromiso coa “desaparición de todo tipo de arbitrariedade, discriminación ou favoritismo” e reafirman que o obxectivo da súa acción de goberno desde os entes provinciais é “garantir a igualdade de servizos básicos para a toda a poboación”.
En paralelo a este acordo marco, PSdeG e BNG pecharon onte a negociación para cogobernar e constituír hoxe mesmo a Deputación de Lugo, e nos próximos días farase o propio coa Deputación da Coruña, que se constituirá o 18 de xullo.
A OPOSICIÓN NO PARTIDO POPULAR
O grupo do Partido Popular, o que ten máis ampla representación (12 de 25 deputados), anuncia que, situado na oposición pola unión dos perdedores das pasadas eleccións locais, fará un traballo de control estrito do labor de goberno, pero tamén operará sempre con criterio positivo, sempre no camiño de defender os intereses dos lucenses, os intereses de Lugo. Os populares anuncian unha permanente escoita activa da sociedade lucense, para coñecer as súas inquedanzas, dificultades e aspiracións, co fin de levar a cabo as políticas máis acaídas para aportar as solucións adecuadas. Os integrantes do novo grupo popular, ao igual que o anterior, traballarán ao pé dos cidadáns, recorrendo continuamente a provincia para levar a San Marcos a voz dos veciños, dos alcaldes e dos portavoces municipais.
Como xa se anunciou, Antonio Ameijide será o portavoz do grupo popular. Sinala: “Hoxe iníciase unha nova etapa na Deputación Provincial de Lugo, na que queda claro que a opción maioritaria escollida polos lucenses foi a do Partido Popular, que non vai poder desenvolver o seu programa de goberno debido aos pactos entre os partidos perdedores das eleccións municipais de hai un mes”.
Ameijide explica: “Dende o PP seguiremos traballando por e para a provincia de Lugo. Apoiándonos en todo o enorme traballo feito polos compañeiros do último grupo provincial do PP e dos anteriores, o grupo que comeza hoxe a súa andadura traballará todos os días arreo para que Lugo recupere o lugar provincial que merece dentro da Comunidade Autónoma de Galicia e dentro do panorama nacional”.
Dende o grupo provincial do Partido Popular anuncian que levarán a cabo “unha labor de oposición, de fiscalización, de absoluto control do traballo do goberno, que busque, por enriba de todo, o trato igualitario aos concellos”. Ameijide di: “A nosa oposición será tamén construtiva e estaremos sempre preparados e dispostos para axudar a esta provincia onde se nos precise. Xa mostramos dende o primeiro día a nosa vontade de que, por enriba de todo, vai estar sempre o interese de todos os lucenses; por riba de todas as siglas políticas, para nós está o interese dos lucenses, de Lugo. E así o desenvolveremos cada día”.