PSOE e BNG néganse a esixir a Sánchez medidas para a viabilidade da planta de Alcoa

AMariñaXa
A proposta dos populares recollía esixir ao Goberno axudas públicas para a modernización da planta
alcoa-Pleno-Deputación-outubro
30 Out 2024

PSOE e BNG negáronse no pleno da Deputación de Lugo a esixir ao Goberno de Sánchez a convocatoria inmediata da mesa de seguimento do pacto de Alcoa e medidas de apoio que contribúan á viabilidade da planta na Mariña.

Socialistas e nacionalistas votaron en contra de debater con carácter de urxencia unha iniciativa do Grupo Provincial Popular para reclamar, entre outras medidas, a convocatoria urxente da mesa de seguimento por parte do Ministerio de Industria que está incumprindo o acordado de convocar unha reunión cada trimestre.

“Tiña que estar convocada antes do 30 de setembro”, segundo indicou o deputado mariñán e alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro. “Os propios traballadores reclaman tamén a convocatoria da mesa de seguimento” que está integrada por representantes da empresa, dos traballadores, do Goberno e da Xunta e sería o escenario axeitado para “estudar a proposta de acordo” entre Alcoa e Ignis para respaldar a continuidade das operacións da planta na Mariña, os compromisos das propias empresas e dos apoios necesarios para garantir a viabilidade da planta e, polo tanto, a continuidade do emprego.

Á vista de que outras empresas consideradas estratéxicas para o Estado como Telefónica, Air Europa e, máis recentemente, Arcelor, entre outras si recibiron axudas públicas, os populares defenden que “a planta da Mariña que é a única de produción de aluminio primario de España e que foi declarada esencial durante a pandemia merece o mesmo trato”.

A importancia da planta de Alcoa para a provincia “está fóra de toda dúbida”, segundo defendeu Salgueiro. A proposta dos populares recollía esixir ao Goberno de España axudas públicas que garantan o investimento para a modernización da planta no mesmo sentido que as que recibiron outras empresas tamén declaradas estratéxicas polo Estado; así coma o compromiso para a consignación dos 80 millóns de dólares (74 millóns de euros) correspondentes ás compensacións da compra dos dereitos de emisión de CO2 indirecto e o aumento da dotación orzamentaria ata o máximo legalmente permitido pola normativa europea para compensar os custos indirectos por CO2 da industria electrointensiva.

AUTORIZACIÓN DOS PARQUES EÓLICOS VINCULADOS Á PLANTA

“O Goberno de España, único competente na materia, non foi capaz de abaratar o prezo da enerxía polo que a factoría mariñá non está a competir en igualdade de condicións con respecto ao resto de industrias electrointensivas europeas”, explican. Nese sentido, os populares urxen ao Goberno de Sánchez a autorizar os parques eólicos vencellados á produción de enerxía para a factoría mariñá a prezos competitivos.

0.27928996086121