PSdeG e BNG forzan un Pleno extraordinario no Valadouro para pedir explicacións sobre a situación económica municipal

AMariñaXa
A sesión celebrarase o 18 de agosto e incluirá tamén o debate dunha moción contra o peche de camas no Hospital da Costa
centro-saude-valadouro
1 Aug 2026

Os grupos municipais do PSdeG e do BNG no Valadouro solicitaron conxuntamente a celebración dun Pleno extraordinario para que o Goberno local do Partido Popular informe sobre a situación económica do Concello e o cumprimento das súas obrigas ante as distintas administracións públicas.

Entre os asuntos que se abordarán figura a inclusión do Concello do Valadouro na relación de entidades incumpridoras publicada polo Ministerio de Facenda. Os grupos da oposición reclaman coñecer os motivos desta situación, así como información sobre outros posibles incumprimentos que poidan existir ante diferentes organismos públicos.

A orde do día incluirá tamén cuestións relacionadas coa elaboración do Plan Económico-Financeiro, os atrasos nos pagamentos a provedores e a recadación dos recibos correspondentes aos distintos servizos municipais. A voceira socialista, María Xosé Barreira, considera que o alcalde debe explicar a situación económica real da administración local, as causas que provocaron estes incumprimentos e as medidas previstas para corrixilos.

Barreira reclamou ao executivo local que compareza na sesión plenaria con toda a información e documentación necesaria para responder ás cuestións formuladas pola oposición. Segundo indicou, a cidadanía ten dereito a coñecer como se están a xestionar os recursos municipais e os motivos que levaron á actual situación económica.

PSdeG e BNG lembran que a petición do Pleno extraordinario foi rexistrada o pasado 22 de xullo. Ao non realizar o alcalde a convocatoria dentro do prazo establecido, activouse o mecanismo de convocatoria automática previsto pola normativa, polo que a sesión terá lugar o vindeiro 18 de agosto.

Os grupos da oposición tamén critican que o rexedor esgotase os prazos legais antes da celebración da sesión e insisten na necesidade de ofrecer explicacións claras e documentación detallada sobre a situación financeira do Concello.

O Pleno extraordinario servirá ademais para debater e votar unha moción presentada contra o peche de camas no Hospital da Costa. Esta iniciativa non puido ser tratada na sesión ordinaria de xullo despois de que o Partido Popular votase en contra da súa urxencia ao considerar que non dispuxera de tempo suficiente para analizala.

María Xosé Barreira sostén que, transcorrido máis dun mes desde a presentación da proposta, o grupo de goberno deberá fixar a súa posición sobre unha medida que afecta ao hospital de referencia da Mariña. A portavoz socialista conclúe que o executivo local debe acudir ao Pleno con respostas sobre a xestión económica municipal e sobre a súa postura respecto á situación sanitaria da comarca.

0.12130188941956