Procederán á estabilización do peirao da lonxa no porto do Vicedo

AMariñaXa
Ademais, os traballos de mellora do porto do Vicedo incluirán a reparación das pezas metálicas laterais de protección do peirao
-conselleiro-obras-estabilizacion-porto-do-Vicedo
5 Sep 2024

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, comezará nos próximos días os traballos de estabilización do peirao da lonxa no porto do Vicedo, en Lugo. Así o anunciou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, durante unha visita á zona na que estivo acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez.

Villares explicou que a intervención prevista se realizará en dúas fases. A primeira fase, que comezará de inmediato, centrarase no asentamento do peirao, que sufriu unha perda de material na base, provocando a aparición dunha fenda na superficie. Esta fase inicial dos traballos, que ten un custo estimado de 25.000 euros, busca recalzar e estabilizar a estrutura.

Unha vez completada esta primeira fase, realizarase un seguemento da fenda para avaliar a estabilización definitiva do peirao. Cando se confirme que o peirao está asentado, procederase á pavimentación da súa superficie, incluíndo tamén parte do vial de entrada ao porto. Esta segunda fase contará cun investimento aproximado de 30.000 euros.

Ademais, os traballos de mellora do porto do Vicedo incluirán a reparación das pezas metálicas laterais de protección do peirao, que se atopan deterioradas pola acción do mar. Estas obras son parte do compromiso da Consellería do Mar para garantir a seguridade e a funcionalidade das infraestruturas portuarias na zona.

0.094085931777954