Presentarase en Burela a Guía Micolóxica Básica da Provincia

AMariñaXa
O acto terá lugar ás 19.00 horas deste xoves 7 de novembro
micologia
5 Nov 2024

O Concello de Burela acollerá, no salón de conferencias, a presentación da Guía Micolóxica Básica da Provincia de Lugo. O acto está impulsado pola Sociedade Micolóxica Lucus en colaboración co Concello, e terá lugar ás 19.00 do xoves, día 7 de novembro.

Esta guía, coordinada por Antonio Rigueiro e Julián Alonso e na que tamén colaboran como autores José Castro Ferreiro e María Cristina García-Echave, pretende ser unha ferramenta de utilidade para todas aquelas persoas interesadas en iniciarse no mundo da macromicoloxía en xeral e na realidade da provincia de Lugo en particular.

A ‘Guía micolóxica básica da provincia de Lugo’ ofrece un amplo compendio informativo, a través do que se afonda en distintos conceptos básicos sobre fungos, a súa identificación, a súa toxicidade e mesmo respecto da súa aptitude para o consumo.

A obra inclúe tamén fichas fotográficas con minuciosas descricións de 202 especies, na súa maioría de presenza habitual na provincia, pero tamén doutras máis raras, aínda que características dalgúns dos micotopos que atopamos nela. As observacións recollidas nestas fichas descritivas inclúen comentarios e alusións a outras 380 especies máis.

0.17014098167419