Presentan unha nova edición da Carreira Popular Alfoz-Valadouro

AMariñaXa
A carreira absoluta cubrirá un percorrido de 6,5 quilómetros, mentres que as distancias serán menores nas categorías infantís
Carreira-Popular-Alfoz-Valadouro
28 sep 2024

Os concellos de Alfoz e Valadouro organizarán o vindeiro 5 de outubro a terceira edición da Carreira Popular Alfoz-Valadouro, contando coa colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo. O evento, que se alterna anualmente entre os dous concellos veciños, está deseñado para participantes de todas as idades, con percorridos adaptados a cada categoría.

A carreira absoluta cubrirá un percorrido de 6,5 quilómetros, mentres que as distancias serán menores nas categorías infantís: infantil e cadete percorrerán 1,6 quilómetros; alevín, 1,2 quilómetros; benxamín, 600 metros; e os máis pequenos, os pícaros, farán un percorrido de 200 metros. A saída da carreira absoluta será fronte á piscina municipal de Alfoz, e a meta estará no pavillón do Valadouro. Pola súa parte, as categorías inferiores competirán nas inmediacións da piscina municipal do Valadouro. Ademais, tamén se realizará unha andaina popular para fomentar a participación de todos os veciños.

Na presentación do evento estiveron presentes Manolo Cadramón, Xefe dos Servizos Provinciais de Deportes da Xunta de Galicia; José Manuel Lamela, Alcalde do Valadouro; Efigenia Maseda, Alcaldesa de Alfoz; e os concelleiros de deportes de ambos municipios, Ana Rubal e Eliseo Lorenzo. A organización destaca que esta carreira é unha aposta polo deporte e a participación interxeracional. As inscricións estarán abertas ata o 3 de outubro.

0.14726090431213