Presentan un estudo sobre as mulleres que sostiveron a vida rural en Mondoñedo

LugoXa | AMariñaXa
A xornada 'Coidar o rural' celebrarase este sábado 21 de novembro, ás 11:30 horas, no Museo de Lugo e dará a coñecer unha investigación sobre as mulleres de San Vicente de Trigás
museo-provincial-lugo
20 Nov 2026

O Museo Provincial de Lugo acollerá este sábado 21 de novembro, ás 11:30 horas, a xornada 'Coidar o rural', na que se presentará o estudo 'Axencia feminina, coidados e memoria: unha aproximación transhistórica ao rural galego desde O Combarro, San Vicente de Trigás, Mondoñedo'. A investigación busca recuperar e recoñecer a memoria das mulleres que sostiveron e seguen sostendo a vida nas comunidades rurais, así como visibilizar os seus traballos, coñecementos e prácticas de coidado, que durante moito tempo permaneceron nun segundo plano.

O traballo foi desenvolvido por unha equipa interdisciplinar de arqueólogas e sociólogas formada por Celtia Rodríguez González, da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Iria Vázquez Silva, da Universidade de Vigo (UVigo); Carla Aboal Barreiro, tamén da USC; e Antía Pérez Caramés, da Universidade da Coruña (UDC). A investigación enmárcase no proxecto 'COIDARQ. Coidados, materialidades e espazos'.

O estudo parte do coñecemento acumulado a través das escavacións dunha aldea altomedieval descuberta en San Vicente de Trigás, en Mondoñedo, que se pon en diálogo coa etnografía e coa memoria oral recollida entre as mulleres da parroquia. Esta aproximación permite establecer unha lectura transhistórica das prácticas de coidado, do traballo cotián e da transmisión de coñecementos, relacionando a realidade histórica e arqueolóxica coa experiencia das mulleres que habitan o territorio.

A apertura da xornada contará coa participación de Iria Castro Fernández, da Vicepresidencia de Cultura da Deputación de Lugo; Laura Oso, da Universidade da Coruña e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC); e Celtia Rodríguez González, da Universidade de Santiago de Compostela e do mesmo centro de investigación.

Ademais da presentación dos resultados da investigación, o programa incluirá a proxección dun vídeo documental no que se recollen as voces e experiencias das mulleres de San Vicente de Trigás. As conclusións do estudo tamén se recompilan nesta peza audiovisual, que busca achegar o proxecto á cidadanía.

A iniciativa conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para a difusión dos traballos e forma parte da aposta da Rede Museística Provincial por converter os museos en espazos de recuperación da memoria, recoñecemento dos coidados e visibilización das comunidades rurais. O proxecto reivindica así a importancia de escoitar as persoas que habitan estes territorios e recoñecer o seu papel na continuidade da vida no rural.

0.15862703323364