Presentada a nova edición da festa de San Fernando en Trabada

A celebración de San Fernando volverá converter Valboa nun punto de encontro para a veciñanza, os afeccionados ao mundo cabalar e todas as persoas que queiran gozar dunha xornada de tradición, música e gastronomía. O Concello de Trabada e a asociación Cabaleiros de Trabada presentaron o cartel da edición de 2026, que se celebrará o sábado 30 de maio na Capela de San Fernando.
A cita mantén o seu espírito de recuperación das tradicións locais e propón unha programación pensada para todos os públicos. A xornada comezará ás 9.30 horas coa saída a cabalo desde o pavillón municipal ata San Fernando, unha das actividades máis representativas desta celebración.
Ás 12.00 horas terá lugar a misa e posterior procesión, que estará acompañada por música de gaitas. Despois, a sesión vermú correrá a cargo de The Sound Project, que poñerá o ambiente musical antes da comida campestre prevista para as 14.30 horas.
Ao longo do día, o público tamén poderá visitar unha exposición de gando cabalar, degustar de balde empanada de poldro e percorrer un mercado de produtos de proximidade. Xa pola tarde, a festa continuará con novas actuacións musicais, completando unha programación que combina patrimonio, convivencia e promoción do produto local.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou o traballo conxunto coa asociación Cabaleiros de Trabada para manter viva esta celebración. 'Continuamos promovendo e recuperando tradicións do noso concello, neste caso da man da asociación Cabaleiros de Trabada, cun traballo conxunto que nos permite seguir dinamizando a vida social e cultural do municipio', sinalou.