Poñen en marcha unha nova edición do Torneo de Tenis Concello de Burela

AMariñaXa
A competición está organizada polo Concello e o Club de Tenis A Marosa en lembranza do socio do club falecido no ano 2015
torneo_tenis_de_mesa_burela
torneo_tenis_de_mesa_burela
9 Xul 2024

O X Torneo de Tenis Concello de Burela - Memorial Jose Luis Yebra terá lugar nas instalacións deportivas da Marosa entre este sábado, día 13 de xullo, e o 28 de xullo. A competición está organizada polo Concello e o Club de Tenis A Marosa en lembranza do socio do club falecido no ano 2015, que foi un dos grandes impulsores deste deporte na localidade.

“Ao celebrarse o X aniversario do Memorial Jose Luis Yebra, haberá unha homenaxe máis especial, se cabe, a Jose Luis”, sinalan dende a organización do evento. Tamén se celebra o X Aniversario da creación Club de Tenis-Pádel A Marosa, polo que se lle entregará un recordo da ocasión a todas as persoas participantes. Esta nova edición do torneo foi presentada polos integrantes da directiva do club Arturo González, Fernando Rey e José María Pérez, así como pola alcaldesa de Burela, Carmela López, e o concelleiro de Deportes, Carlos Méndez Pena.

A alcaldesa quixo agradecer ao club “o enorme traballo posto en celebrar este evento e en darlle continuidade, xa que chega xa á súa décima edición e est consagrado como unha das citas clave do deporte en Burela”. Pola súa banda, o concelleiro Carlos Méndez Pena aproveitou a ocasión para “reivindicar o legado de Jose Luis Yebra, cuxa memoria está absolutamente viva en Burela grazas a, entre outras cousas, o seu gran traballo no club”.

Haberá categoría individual absoluta, dobres absoluta e polo menos dúas categorías individuais xoves. A cota de inscrición será de balde para membros do club, mentres que para persoas non socias será de 10€ na categoría individual absoluta e 5 euros por participante nas categorías restantes. Outorgaranse premios e vales ás persoas que consigan ser as primeiras ou as segundas clasificadas en todas as categorías individuais, e premios de consolación para as persoas eliminadas no primeiro partido da categoría individual absoluta. A Gran Final do torneo está prevista para o día 28 de xullo.

0.18197894096375