Preguntan no Congreso polo traslado da EOI e Aspanane de Viveiro
O BNG de Viveiro leva o traslado da Escola Oficial de Idiomas e Aspanane ao Congreso a través do deputado do BNG, Néstor Rego, formulando unhas preguntas coas que quere desbloquear a situación.
Hai dous anos, en marzo de 2019, o Concello de Viveiro anunciaba xunto a representantes da Deputación de Lugo e da Xunta, un convenio a tres partes iguais cun orzamento de 500.000€ para a rehabilitación do Colexio Vello de Celeiro. "A intención do Concello é proceder a instalar nese lugar a Escola Oficial de Idiomas unha vez acometida a rehabilitación. Deste xeito, as dependencias que o EOI deixa libres, serían aproveitadas pola Asociación Aspanane para novos usos sociais, en concreto, para a creación dunha residencia para persoas con discapacidade intelectual, a única destas características en toda a comarca", din os nacionalistas.
Por tanto, para levar a cabo o citado proxecto é imprescindible que a Tesourería Xeral da Seguridade Social do Estado, actual propietaria, ceda o inmoble para o seu uso polo Concello de Viveiro. Tras iniciar os trámites neste sentido, a Tesourería declarou que a cesión se realizará en favor da Xunta de Galiza a través dun Convenio e que esta, á súa vez, cederao para o fin descrito ao Concello.
"A día de hoxe descoñécese o estado actual destes trámites, pero a execución da cesión ten máis urxencia que nunca na actual situación de pandemia, que están a padecer de forma especialmente intensa os colectivos máis vulnerábeis, como son as persoas con discapacidade intelectual. Aspanane tivo que manter as portas dos seus centros fechadas desde o mes de marzo e até setembro, pero incluso unha vez levantadas as restricións do primeiro estado de alarma, non puideron funcionar ao cento por cento de ocupación. A experiencia destes meses puxo de manifesto que as súas actuais instalacións son insuficientes e iso repercute negativamente sobre a atención ás persoas usuarias da Asociación", din.
Polo tanto, consideran urxente pór en marcha a residencia, para o que é necesario acelerar a cesión. As preguntas de Néstor Rego refírense ao inicio dasas xestións necesarias para a cesión á Consellería de Educación da Xunta de Galiza dos terreos e instalacións do Colexio Vello de Celeiro no Concello de Viveiro. En que fase se atopan e en que data se calcula que poida facerse efectiva.
Tamén queren saber se o Goberno do Estado en disposición de facer efectiva esta cesión.