PP e Por Viveiro rexeitan a proposta do BNG para crear un plan de mantemento urbano

A proposta presentada polo BNG no Concello de Viveiro para poñer en marcha un Plan de Mantemento e Mellora Urbana foi finalmente rexeitada polos votos do Partido Popular e de Por Viveiro, unha decisión que, segundo os nacionalistas, evidencia a falta de iniciativa do goberno local.
A portavoz do BNG, Iria Cotelo, cualificou esta negativa como unha mostra de “inacción” e tamén como un freo ás iniciativas construtivas. Segundo explicou, o plan propoñía establecer un sistema organizado de revisión do estado das rúas e barrios, baseado en inspeccións periódicas, contacto directo coa veciñanza e unha planificación das actuacións en función das prioridades detectadas.
Desde o grupo nacionalista consideran que esta ferramenta permitiría ordenar o traballo municipal, fixando prazos concretos e mellorando a resposta ás necesidades do día a día. Cotelo incidiu en que a situación actual do espazo público require unha intervención máis estruturada, ante o progresivo deterioro de distintos elementos urbanos.
Neste sentido, sinalou problemas como papeleiras e sinais en mal estado, iluminación deficiente, baldosas soltas ou parques infantís que precisan reparación, ademais de zonas que, ao seu xuízo, requiren unha limpeza máis frecuente. “É fundamental coñecer de primeira man o que acontece nas rúas e escoitar á veciñanza, que é quen mellor identifica as carencias”, apuntou.
A portavoz recoñeceu tamén as limitacións do persoal municipal, indicando que o número de traballadores resulta insuficiente para cubrir todas as necesidades, pero defendeu que precisamente por ese motivo resulta necesario planificar con maior detalle as actuacións.
O BNG defende que existen precedentes que avalan este tipo de planificación, lembrando iniciativas desenvolvidas en etapas anteriores, como a mellora da Praza de Abastos, a renovación da fachada do Parque Pernas Peón ou a elaboración de plans de mobilidade e accesibilidade.
Cotelo criticou que o actual goberno local non estea a impulsar novos proxectos nin a desenvolver unha estratexia definida, asegurando que “sen planificación nin propostas propias, o concello perde oportunidades e capacidade de acceder a financiamento”.
Finalmente, a portavoz nacionalista advertiu de que Viveiro precisa ir máis alá das actuacións puntuais vinculadas a eventos festivos e apostar por un modelo de coidado urbano máis ambicioso e continuado no tempo, que mellore tanto a calidade de vida da veciñanza como a imaxe do municipio.