Portos renovará por 80.000 euros as cubertas dos departamentos de armadores do porto de Burela

AMariñaXa
Os traballos comezarán nas próximas semanas e estarán rematados antes de final de ano, mentres se estuda tamén actuar na cuberta da nave de redeiras e caixas de pesca
Portos-Burela--Cuberta-Departamentos-2026
18 Sep 2026

A Consellería do Mar destinará 80.000 euros á renovación da cuberta dos departamentos de armadores tipo B do porto de Burela, unha actuación que arrancará nas próximas semanas e que, segundo as previsións, estará executada antes de que remate o ano.

O investimento realizarase a través de Portos de Galicia e da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. A presidenta do ente portuario, Natalia Botana, anunciou a intervención durante unha reunión coa confraría de pescadores de Burela e co seu patrón maior, Basilio Otero.

A actuación permitirá colocar unha nova cuberta nos dous bloques de locais destinados aos profesionais do mar nos que o teito aínda non fora renovado. O obxectivo é mellorar as condicións das instalacións utilizadas polos mariñeiros e atender unha demanda que a confraría trasladara á Administración autonómica.

Durante o encontro, Botana confirmou que os traballos se iniciarán proximamente e que a previsión é telos finalizados antes de pechar 2026. A intervención completa así as melloras que se veñen realizando en diferentes dependencias do porto burelés.

Neste sentido, a presidenta de Portos lembrou que xa se destinaron outros 40.000 euros á mellora da nave de redes de arrastre. Ademais, o ente portuario está a estudar unha nova actuación para renovar a cuberta da nave utilizada polas redeiras e para as caixas de pesca.

Deste xeito, entre a actuación xa executada na nave de redes de arrastre e o novo investimento anunciado para os departamentos de armadores, as melloras ascenden a 120.000 euros, á espera de que se concrete a posible intervención nas instalacións das redeiras.

Visita ás instalacións de ABSA

Tras a reunión coa confraría, Natalia Botana visitou tamén as instalacións de Armadores de Burela S.A. (ABSA), empresa que xestiona a lonxa burelá e que mantén unha importante actividade dentro do sistema portuario autonómico.

Durante o encontro coa directiva de ABSA abordáronse diferentes posibilidades para continuar mellorando as condicións nas que se desenvolve a actividade empresarial e pesqueira nesta dársena.

0.14806890487671