Portos de Galicia non ve posible reverter ao Estado os terreos da Travesía do Porto solicitados por Burela

Portos de Galicia e o Concello de Burela analizaron esta mañá a proposta municipal para reverter ao Estado determinados terreos portuarios, co obxectivo de que a Administración Xeral do Estado valore posteriormente a súa posible cesión ao Concello. A reunión contou coa participación da presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, e do concelleiro do Mar de Burela, Ramiro Fernández.
Durante o encontro, Botana explicou as posibilidades de utilización dos terreos incluídos na petición municipal e abordou a situación concreta de cada un deles.
No caso da parcela número 7 da Travesía do Porto, cuxo uso solicita o Concello, Portos de Galicia considera que non pode ser declarada innecesaria para a actividade portuaria. Segundo explicou a presidenta do ente público, o solo presenta posibilidades de explotación vinculadas ao sector e sitúase nunha dársena cunha destacada actividade marítimo-portuaria.
Botana incidiu así mesmo na necesidade de que Portos de Galicia dispoña de solo reservado para permitir o futuro crecemento da actividade portuaria. Neste sentido, destacou tamén a proximidade da parcela aos departamentos de usuarios do peirao.
Con todo, a presidenta de Portos de Galicia abriu a porta a estudar unha alternativa temporal. O ente público valorará se resulta compatible co uso portuario realizar unha cesión temporal ao Concello dunha parte destes terreos mentres non exista unha proposta formal de explotación portuaria.
A situación é diferente no caso do Miradoiro da Limosa, o segundo dos terreos incluídos na petición do Concello de Burela. Segundo explicou Botana durante a reunión, este espazo non forma parte do dominio público marítimo-terrestre, polo que Portos de Galicia non pode tramitar a súa reversión ao Estado.
Deste xeito, o encontro permitiu analizar as posibilidades existentes para os dous terreos reclamados polo Concello, cunha posible cesión temporal como alternativa no caso da parcela da Travesía do Porto e sen posibilidade de tramitar a reversión no caso do Miradoiro da Limosa.