Portos de Galicia exime do pago das taxas a Burela polo Punto de Información Turística
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, aprobou a exención total do pagamento da taxa de ocupación de dominio público portuario para o Concello de Burela. Esta bonificación afecta á caseta de información e turismo municipal instalada en terreo portuario, segundo a resolución do ente público remitida á administración local.
A exención do 100% da taxa baséase no artigo 40 da Lei de taxas portuarias, que permite a bonificación para as corporacións locais que realicen actividades encadradas nas súas finalidades públicas, sempre que estas non sexan obxecto de explotación económica.
Conforme ás condicións xerais da concesión outorgada por Portos de Galicia para a instalación da caseta, a liquidación das taxas faise por semestres adiantados. As bonificacións, como a aprobada agora, poden aplicarse desde o inicio da concesión, beneficiando así ao Concello de Burela desde o comezo da súa actividade na caseta de información turística.