Portocelo, en Xove, prepara tres xornadas de celebración na honra da Nosa Señora

AMariñaXa
As festas desenvolveranse do 4 ao 6 de setembro cun programa que combina gastronomía, verbenas e sesións vermú
fogos-artificiais-festas
31 Aug 2026

A localidade de Portocelo, en Xove, celebrará do 4 ao 6 de setembro as súas tradicionais festas na honra da Nosa Señora. Tres días de celebracións nos que a música será a gran protagonista, acompañada dunha proposta gastronómica, actos relixiosos e sesións vermú.

O programa abrirase o venres 4 cunha das novidades gastronómicas da cita. Ás 21.00 horas terá lugar a Festa da Paella de Marisco estilo Portocelo, que estará elaborada e servida por Papi, coñecido tiktoker zamorano de Cocina Derecho. A noite continuará a partir das 23.00 horas cunha Festa Rachada na que actuarán o Dúo Musical La Hora Bruja e o Grupo Da Silva.

A actividade retomarase o sábado 5 ás 10.00 horas coas tradicionais bombas de palenque, que anunciarán unha das xornadas principais dos festexos. Ás 13.00 horas celebrarase a misa solemne e, desde as 14.00 horas, Charleston Big Band porá música á sesión vermú.

A mesma formación será unha das protagonistas da noite, xa que ás 22.30 horas regresará ao escenario para participar nunha gran verbena xunto ao grupo Cinema e Xuro Discomóvil. A organización disporá dun campo cuberto con carpa para o desenvolvemento das celebracións.

O domingo 6 chegará a última xornada das festas. As bombas de palenque abrirán novamente o programa ás 10.00 horas e a despedida musical comezará ás 13.30 horas cunha sesión vermú prolongada a cargo do Dúo Primera Línea.

Para facilitar a asistencia aos festexos habilitaranse autobuses desde Viveiro, Xove, San Cibrao e Burela. A asociación A Medorra organiza unha nova edición destas celebracións coa colaboración do Concello de Xove, da veciñanza e de empresas da zona.

PROGRAMACIÓN

0.15253114700317