Portocelo, en Xove, celebrará tres días de festa con música, gastronomía e grandes verbenas

Portocelo, no concello de Xove, prepárase para celebrar as súas festas na honra da Nosa Señora cun intenso programa que se desenvolverá durante tres xornadas, do venres 4 ao domingo 6 de setembro. A música e a gastronomía compartirán protagonismo nunha cita que contará tamén con actos relixiosos e sesións vermú.
As celebracións comezarán o venres 4 ás 21.00 horas cunha festa gastronómica na que se servirá unha paella de marisco ao estilo Portocelo. A elaboración correrá a cargo de Papi, coñecido tiktoker zamorano de Cocina Derecho. A partir das 23.00 horas, a música tomará o relevo cunha Festa Rachada amenizada polo Dúo Musical La Hora Bruja e o Grupo Da Silva.
O sábado 5, a xornada arrancará ás 10.00 horas co lanzamento de bombas de palenque. Ás 13.00 horas celebrarase a misa solemne e, unha hora máis tarde, Charleston Big Band será a encargada de animar a sesión vermú.
A actividade continuará pola noite. Desde as 22.30 horas celebrarase unha gran verbena na que Charleston Big Band volverá subir ao escenario e compartirá protagonismo coa formación Cinema e Xuro Discomóvil, prolongando a festa durante a noite.
O domingo 6 porase o broche á programación. As bombas de palenque volverán soar ás 10.00 horas e, a partir das 13.30, o Dúo Primera Línea ofrecerá unha sesión vermú prolongada coa que se despedirán tres días de celebracións.
A organización contará cun campo cuberto con carpa para facilitar o desenvolvemento das actividades. Ademais, habilitarase un servizo de autobuses con saídas desde Viveiro, Xove, San Cibrao e Burela para facilitar os desprazamentos ata Portocelo.
As festas están organizadas pola asociación A Medorra coa colaboración do Concello de Xove, da veciñanza e de diferentes empresas.