Por Viveiro non apoiará a proposta de orzamentos municipais do 2024, que se debaterán no Pleno do vindeiro xoves
Por Viveiro non apoiará a proposta de orzamentos municipais para o ano 2024, que se debaterán no Pleno do vindeiro xoves.
"Acordamos votar en contra dos orzamentos propostos polo goberno bipartito PSOE-BNG, pois comprometéronse en quince puntos con Por Viveiro a fin de obter o noso apoio na investidura. E os orzamentos recollen só un dos quince puntos", din os independentes de Por Viveiro.
"Isto é claramente insuficiente para que Por Viveiro apoie os orzamentos municipais que por outro lado non foron negociados en absoluto con nós. Xa advertimos no inicio deste mandato, que o noso grupo non vai apoiar ningunha proposta que non sexa negociada previamente, e menos os orzamentos municipais que é o documento máis importante do noso Concello", engaden.
Así mesmo, os orzamentos recollen unha redución importante nas axudas correspondentes ás entidades e clubs deportivos do Concello. "Ademais de non recibir as axudas correspondentes ao ano 2023, no ano 2024 reduciranse as cantidades globais a cada un dos clubs, o que consideramos inaceptable e que pon en risco a viabilidade e existencia de moitos clubs e entidades de Viveiro", sinalan dende Por Viveiro.
Bernardo Fraga, portavoz de Por Viveiro declarou que “somos serios e rigorosos no noso traballo no Concello, e non imos aceptar que pola vía da imposición e polas presas do goberno local bipartito se nos intenten colar uns orzamentos que non reflictan o compromiso de investidura do PSOE con nós e con Viveiro, e menos coa quita que se lle fai ás entidades deportivas”.
“Invito ao bipartito local a reflexionar sobre o seu proceder e a revisar o seu traballo e as súas relacións coas demais forzas políticas se non queren quedarse sen apoios”, remata dicindo.