Por Nuestro Faro pide explicacións pola festa prevista na Illa Pancha durante a eclipse

AMariñaXa
A asociación veciñal cuestiona que se anuncie un evento privado no faro o 12 de agosto mentres o Concello inclúe a illa entre as zonas prohibidas para observar o fenómeno por motivos de seguridade
catedrais-ribadeo-camino-mar
8 Aug 2026

A Asociación Veciñal Por Nuestro Faro solicitará explicacións ao Concello de Ribadeo e á Autoridade Portuaria ante a celebración dunha festa privada prevista na Illa Pancha coincidindo coa eclipse total de Sol do próximo 12 de agosto. O colectivo considera que existe unha contradición entre este evento e as restricións anunciadas pola administración municipal para observar o fenómeno astronómico.

Segundo sinala a entidade, o Concello informou de que, por razóns de seguridade e para garantir a conservación dos espazos públicos, non estará permitida a observación da eclipse desde determinados puntos do municipio. Entre as zonas de exclusión figuran a Illa Pancha, o areal da praia das Catedrais, a pasarela de madeira entre As Catedrais e Barreiros e a infraestrutura de madeira do Cargadoiro.

Por Nuestro Faro cuestiona que, paralelamente, se promocione no recinto do faro unha celebración privada para a mesma xornada. Segundo indica a asociación, a proposta inclúe música en directo, barra libre e lentes especiais para contemplar a eclipse.

Ante esta situación, o colectivo anuncia que se dirixirá ao Concello de Ribadeo para solicitar información sobre os criterios de seguridade aplicados na Illa Pancha e coñecer como se compatibiliza a prohibición anunciada para observar o fenómeno desde este espazo coa celebración do evento.

A entidade tamén trasladará as súas preguntas á Autoridade Portuaria para aclarar se unha actividade destas características se axusta ás condicións da concesión existente no faro.

A asociación enmarca as súas críticas nunha reivindicación que mantén desde hai anos sobre o uso turístico da Illa Pancha. Por Nuestro Faro lembra que o programa estatal Faros de España comezou hai trece anos e que o proxecto turístico deste enclave ribadense foi aprobado posteriormente. O colectivo sostén que a concesión carecía dun estudo de impacto ambiental que considera preceptivo e lembra que esta cuestión foi obxecto de actuacións ante o Defensor del Pueblo.

Desde 2017 funcionan apartamentos turísticos no recinto e posteriormente incorporouse unha cafetería, unhas actividades que a asociación vén cuestionando pola súa tramitación ambiental.

Por este motivo, Por Nuestro Faro aproveitará a celebración anunciada para volver reclamar á Autoridade Portuaria aclaracións sobre os usos permitidos no recinto e sobre a situación ambiental da concesión. O colectivo considera que a previsión dunha festa durante unha xornada de elevada afluencia como a da eclipse reforza a necesidade de esclarecer as condicións nas que se desenvolven as actividades na Illa Pancha.

0.12965297698975