Pontón propón unha fronte común contra a decisión de Bruxelas de prohibir a pesca de fondo

AMariñaXa
Pontón propón unha fronte común para defender á frota galega fronte a unha “decisión arbitraria” e urxe ao Goberno a presentar un recurso
pesca mar barco
20 Sep 2022

A portavoz nacional, Ana Pontón, propón unha fronte común para defender en Bruxelas á frota galega fronte ao “mazazo” que supón para o sector a decisión da Comisión Europea de prohibir a pesca de fondo en 87 áreas da plataforma continental, unha decisión que cualificou de “arbitraria” que non ten en conta o impacto socioeconómico e que, segundo recalcou, pon en risco “centos e centos de empregos” en Galiza.

Así mesmo, advertiu, que a prohibición comunitaria “elimina da cesta da compra” toneladas de peixe fresco no medio da maior crise de prezos dos últimos anos, o que provoca un novo incremento de prezos e, polo tanto, que as familias “que xa non podían mercar peixe, se se aplica este regulamento, aínda o van ter máis difícil”. “Isto o que vai provocar é un incremento dos prezos ou ben camiñar cara a unha maior importación, cando sabemos que moito do peixe que se importa doutras latitudes como China non ten nin os controis medioambientais, nin os requisitos dende o punto de vista sanitaria que ten o peixe que están pescando os barcos galegos”, incidiu.

Pontón realizou estas declaracións logo da reunión que mantivo coa directiva da Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI) para analizar o impacto dunha decisión que, segundo subliñou, se toma de xeito arbitrario, sobre informes desactualizados e que mesmo nin analizan o impacto real dalgunha arte concreta como, por exemplo, a do palangre de fondo. Logo de incidir en que a propia Comisión Europea recoñece que se tivera informes máis precisos a decisión podería ser outra, advertiu que “non se poden tomar decisións con esta frivolidade cando o que está en xogo é o pan de centos de familias neste País e un sector económico que é estratéxico para os galegos e as galegas”.

Neste contexto, e xunto á necesidade de exercer toda a “presión política” nunha fronte común da que formen parte Goberno estatal, resto de institucións, formacións políticas e sector, urxiu ao Executivo central a presentar de maneira inmediata un recurso para paralizar o decreto comunitario. Ao seu xuízo, cómpre a urxente presentación deste recurso para frear unha decisión que atenta contra os intereses do sector pesqueiro galego e, neste sentido, avanzou que que o BNG solicitará tamén a comparecencia da conselleira de Pesca no Parlamento galego e a do ministro do ramo no Congreso, así a do comisario europeo de Pesca, con que xa ten solicitada unha reunión a eurodeputada Ana Miranda, quen tamén participou na reunión con ARVI, xunto co portavoz municipal de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, e a deputada por Vigo, Carmela González.

A líder nacionalista recordou que non é a primeira vez que se toman en Europa “decisións deste tipo e que logo teñen que rectificar” porque non teñen fundamento nin desde o punto de vista económico, nin desde o científico e medioambiental e, neste sentido, puxo en valor o esforzo de adaptación realizado polo sector para acadar a sustentabilidade. “Ten que haber sustentabilidade na xestión dos recursos, pero non unha arbitrariedade que supoña eliminar un sector económico fundamental no noso País”, concluíu. 

0.17006397247314