Ponse en marcha a cuarta edición do Trail do Vicedo con tramos novos
No entorno das praias de Caolín e Vidreiro tivo lugar a presentación da cuarta edición do Trail do Vicedo e que contou coa presencia do alcalde do Vicedo, José Jesus Novo Martínez, membros do Club Lar Trail e Montaña, coorganizadores do evento, e Raquel Sánchez Pulgar, irmá de Natalia Sánchez Pulgar, impulsora deste Trail, e finada nun fatal accidente correndo no ano 2021. O evento terá lugar o vindeiro domingo 19 de maio.
Igual que os anos anteriores serán 3 probas: un trail de 25 km, trail de 15km e andaina de 15km que discorren por unhas paraxes espectaculares como son o entorno de Fuciño do Porco, as praias de Area Grande, Xilloi, Caolín e Vidreiro. Con respecto a outras edicións, acúrtase o trail longo a uns 25 km e fíxanse varios tramos novos, sobre todo no inicio do trail longo e en zonas da costa onde se pasa máis preto do mar, de maneira que as paraxes que se percorren son espectaculares.
Coa inscrición este ano os corredores e camiñantes teñen incluída a comida na carpa instalada ao efecto na zona de meta. Tamén haberá outros servizos como as duchas no polideportivo municipal. Os interesados poden inscribirse na páxina web: https://inscripciones.galitiming.com/inscripcion/4o-trail-do-caolin-ao-fucino-do-porco-2024/. A inscrición pecha o luns ás 12 da noite.