Plans con corazón ofrece as últimas prazas para descubrir os muíños de Xove e as lendas do río Rigueira

AMariñaXa
A ruta do domingo 25 de outubro será unha das próximas propostas deste programa de visitas guiadas pola Mariña Lucense, mentres que a actividade de Mondoñedo dedicada á literatura e á música xa ten todas as prazas cubertas
Plans-Corazón-Valadouro
21 Oct 2026

A Mariña Lucense continúa a súa aposta por descubrir o patrimonio cultural e natural do territorio a través de Plans con corazón, unha iniciativa que celebra este ano a súa sétima edición. A programación chega a Mondoñedo e Xove esta fin de semana con dúas propostas guiadas por especialistas locais, aínda que só quedan prazas dispoñibles para a ruta do domingo en Xove.

A primeira actividade terá lugar o sábado 24 de outubro en Mondoñedo baixo o título "Mondoñedo das letras e da música". Guiada por Carmen Delia, consistirá nun percorrido pola tradición literaria da localidade e pola memoria das súas figuras máis destacadas. A ruta achegará os participantes a espazos vinculados á historia cultural da vila, como o Museo da Imprenta, o Centro de Interpretación da Alcántara e a Biblioteca do Seminario, con referencias a autores como Álvaro Cunqueiro e Leiras Pulpeiro, así como ao mestre Pacheco e a voces femininas ilustres.

O domingo 25 será a quenda de Xove coa proposta "O San Antonio da Rigueira e a ruta dos muíños", conducida por Boris Vilar. O itinerario seguirá o curso do río Rigueira para descubrir os muíños que se conservan na contorna, na súa maioría abandonados, coa excepción destacada do muíño de Abad. O percorrido rematará na igrexa de San Miguel da Rigueira, onde se atopa a imaxe de San Antón Ventureiro, vinculada a unha lenda e a unha das romarías con máis tradición da Mariña.

As persoas interesadas en participar poden formalizar a inscrición a través da web. As prazas son limitadas e adxudícanse por orde de inscrición. O custo é de 5 euros para unha persoa, 9 euros para parellas e 15 euros para grupos, con visita guiada e seguros de responsabilidade civil e accidentes incluídos.

Un programa para descubrir a Mariña durante todo o ano

Plans con corazón está promovido pola Mancomunidade de Concellos da Mariña, coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia e da Deputación de Lugo, e coa participación de guías oficiais e especialistas en ámbitos como a xeoloxía e a ornitoloxía. O programa busca dar a coñecer recunchos menos coñecidos, poñer en valor o patrimonio local e contribuír á desestacionalización turística.

A edición de 2026 incorpora tamén produtores que participaron no Modelo de Innovación Sostible de Experiencias Agroturísticas (MISEA), impulsado por SEGITTUR en colaboración coa Mancomunidade. Entre eles figuran Cooperativas Terras da Mariña, Mel O Poder das Flores, Shiifos Micoloxía, Grupo Naterra e a Mancomunidade de Montes en Man Común de Frexulfe, no Valadouro.

Outra novidade é a colaboración de Mar Aberto, un proxecto de tres estudantes do grao de Turismo da Universidade da Coruña que pretende ofrecer rutas accesibles e inclusivas arredor do patrimonio mariñeiro.

A programación continuará o sábado 31 de outubro en Viveiro, cunha ruta polos montes do Buio e as turbeiras; o domingo 1 de novembro en Burela, cun percorrido polas pinturas do municipio; e o sábado 7 de novembro en Riotorto, cunha proposta inspirada na obra "Merlín e familia", de Álvaro Cunqueiro. O 14 de novembro haberá dúas actividades: unha ruta xeolóxica na praia de San Román-Arealonga, no Vicedo, e outra en San Cibrao, en Cervo, dedicada á historia da madeira e á tradición marítima.

0.15646314620972