A piscina olímpica de Lieiro lista para reabrir tras os traballos de mellora

O Concello de Cervo vén de dar por concluída a intervención acometida na piscina olímpica de Lieiro, centrada principalmente no rexuntado e na reparación do vaso principal. O obxectivo era mellorar a estanqueidade da infraestrutura e garantir o seu bo estado de cara á nova tempada.
As obras executáronse ao longo do mes de agosto, coincidindo co período de peche ao público, e serviron para corrixir filtracións detectadas na estrutura. Tamén se reforzaron as xuntas, moi deterioradas polo uso intensivo e polo paso dos anos. En paralelo, realizáronse outras tarefas complementarias de mantemento co fin de asegurar o correcto funcionamento de todo o complexo deportivo.
Desde o Concello sinalan que se trataba dunha actuación urxente e prioritaria, xa que o goberno local mantén o compromiso de coidar e conservar en bo estado as instalacións deportivas municipais. Unha vez finalizados os traballos, iniciarase o proceso de enchido da piscina, un procedemento gradual que require varios días para completar, polo que a previsión é que os usuarios poidan volver acceder ás instalacións a mediados deste mes.
Ademais, o executivo municipal anuncia que nos vindeiros días se abrirá o prazo de inscrición para todas aquelas persoas interesadas en participar nas actividades e cursos habituais que se ofertan nesta infraestrutura, tanto de carácter deportivo como formativo.