Pechan as inscricións para unha nova edición do Trail Monte Comado

AMariñaXa
A asociación Praias de Comado organiza conxuntamente co Concello unha nova edición do Trail Monte Comado que volverá contar con dúas distancias
presentacion-trail-comado-2024
10 Out 2024

A asociación Praias de Comado organiza conxuntamente co Concello de Barreiros unha nova edición do Trail Monte Comado que volverá contar, na mañá do domingo 13 de outubro, con dúas distancias: 12 e 26 quilómetros. Dende o Concello de Barreiros, organizador do Circuíto +Kms Barreiros no que se inclúe esta proba, destacan “a importante aposta a nivel económico e de traballo organizativo cara ás probas que integran o circuíto, xa que é unha forma tamén de apostar polo turismo deportivo e desestacionalizalo; así como de colaborar coas asociacións do Concello”, manifestou a alcaldesa, Ana Ermida.

A rexedora sinalou o “empuxe dado ás carreiras populares desde o Concello nos últimos anos, organizando un circuíto que inclúe todas as carreiras que se celebran no municipio e converténdoas nunha cita non só deportiva, senón tamén nunha oportunidade para coñecer lugares do concello moi diversos, polas características e recorridos de cada unha das probas.” A saída e chegada deste Trail serán na Praza do Souto de San Miguel de Reinante.  Ás 9:30 a da proba de 26 kms e ás 10:30h será o turno para a saída da de 12 km.

A Asociación destaca que “é unha proba difícil de organizar sobre todo pola preparación dos percorridos no que buscamos ofrecerlle aos participantes unha experiencia única percorrendo Barreiros”. As inscricións para a proba estarán abertas ata este xoves na web oficial do Circuíto www.maiskmsbarreiros.gal Á presentación da proba asistiron Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros; Manuel Otero, xefe do servizo de deportes en Lugo e Iván Labrada e Carlos Martínez membros da asociación Praias de Comado".

0.15116596221924