Paseos en cabalo, concurso de andadura e mercado na Feira de Gando de Cangas de Foz

Foz
AMariñaXa
Os Cabaleiros de Cangas organizan unha nova edición desta feira na que colabora a Vicepresidencia da Deputación
Feira-de-Gando-de-Cangas-de-Foz
17 Ago 2024

O deputado de Rural, Mar e Mocidade Daniel García participou na presentación da Feira de Gando de Cangas de Foz, que se celebrará este domingo na área recreativa dos Castros coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Os Cabaleiros de Cangas -apoiados pola comunidade de montes de Cangas e polos colectivos culturais e veciñais da parroquia – organizan unha nova edición desta feira que retomaron fai unha década, recuperando o espírito da antiga feira de gando que se celebraba o terceiro domingo do mes de agosto.

A actividade no recinto feiral comezará ás 10.00 horas, co mercado de venda de gando e unha exposición de maquinaria e artesanía. A organización, que entregará premios para as gandeiras con maior número de cabezas de gando e para os mellores exemplares.  programou diferentes actividades para dinamizar a feira  e manter o interese de gandeiros e gandeiras, pero tamén amantes dos animais e visitantes que se acheguen ata a área recreativa ao longo do día.

Durante a mañá ofrécense paseos gratuítos en cabalo e  pola tarde -a partir das 16.00 horas- celebraranse concurso de andadura chapeada e serrada , contando con categoría sub 16 para amazonas e xinetes de menos idade. A organización destacou a boa resposta da veciñanza e das persoas visitantes á recuperación da feira de gando. “Temos competidores que levan vindo ás dez edicións, pero tamén moitos outros que se van incorporando co paso dos anos, o que podemos afirmar é que a maioría repiten”, sinalou Eladio Basanta.

O deputado de Rural Daniel García manifestou o “apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a estas feiras que, ademais de dinamizar a venda de gando,  xeneran recoñecemento e visibilidade para os gandeiros e gandeiras que crían os animais durante o ano, facendo un traballo fundamental para o coidado dos montes e a conservación das paisaxes tradicionais” e  valorou “ a iniciativa do tecido asociativo da parroquia que coa recuperación desta feira reivindican a súa identidade e a súa historia. O recinto feiral contará con postos de comida – polbo, xamón, churrasco - e animación musical.

0.18030500411987