Partirá de Ribadeo a cuarta edición da peregrinación O Camiño do Mar Concello a Concello

AMariñaXa
Serán un total de 277 quilómetros, divididos en 13 etapas duns 22 quilómetros entre Ribadeo e Santiago, onde concluirán o 24 de maio
2025-presentacion-Camiño-do-Mar-ribadeo
13 Jan 2025

O vindeiro 2 de marzo partirá de Ribadeo a cuarta edición da peregrinación O Camiño do Mar Concello a Concello, que organiza a asociación Amigos del Camino del Mar Peregrinación a Santiago de Compostela.

Serán un total de 277 quilómetros, divididos en 13 etapas duns 22 quilómetros entre Ribadeo e Santiago, onde concluirán o 24 de maio.

Manuel Vicente, presidente da asociación organizadora, comentou que “esta acción naceu co obxectivo de dar a coñecer e divulgar por onde discorría a antiga vía de peregrinación que atravesaba os concellos de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, Narón e Neda, hoxe denominada O Camiño do Mar. Unha vez chegamos a Neda, conectamos co Camiño Inglés ata chegar a Santiago de Compostela. Participar posibilita gozar do descubrimento e coñecemento dun antigo Camiño, e ao mesmo tempo coñecer lugares dos concellos que conforman o Camiño do Mar e a historia da antiga peregrinación polas nosas comarcas, xa que durante o transcurso da etapa facilítanse datos de históricos do antigo camiño xacobeo”.

E engadiu: “a todos os participantes facilitaráselles a credencial do Camiño de Santiago e así ao finalizar o Camiño poderán obter a Compostela. Para iso iremos selando as credenciais en cada un dos concellos polos que discorren as etapas do Camiño do Mar, realizando dous selos en cada etapa, un de saída e outro de chegada”.

Manuel Vicente anima a participar en esta cuarta edición: “para peregrinar polo Camino del Mar ata Santiago de Compostela deberán de inscribirse na web da asociación: https://www.asocaminodelmar.es no apartado de acciones, concello a concello y despois pinchar na edición 2025, alí encontrarán toda a información. Ou pinchar directamente sobre o siguiente enlace: https://www.asocaminodelmar.com/acciones/2025/concello-a-concello-2025”.

A edil de Turismo, Marta Saiz, destacou que “Ribadeo é a porta norte de entrada a Galicia, por aquí pasan ano tras ano centos de camiñantes rumbo a Compostela, que empreguen a ruta do Camiño do Mar ou o Camiño Norte. Estamos encantados de recibilos a todos eles, aos que pasan por aquí rumbo a Compostela ou aos que nos elixen como punto de partida para iniciar estas peregrinacións. O 2 de marzo estaremos xunto a esta asociación para desexarlles bo camiño e para facer con eles un treito do Camiño do Mar”.

0.14254188537598