Pantallas Sonoras estrea un concurso de videoclips para impulsar a creación audiovisual galega en Burela

O ciclo audiovisual 'Pantallas Sonoras' incorpora este ano unha das principais novidades da súa programación coa posta en marcha do seu primeiro Concurso de Videoclips. A iniciativa, promovida pola Asociación Cultural Plataforma Ultramar en colaboración co festival Osa do Mar, busca fomentar a creación audiovisual galega e ampliar os espazos de exhibición para as propostas musicais máis innovadoras.
O certame desenvolverase no marco de 'Pantallas Sonoras 2026', que terá lugar en Burela entre os días 2 e 5 de setembro, coincidindo coa programación do festival Osa do Mar. A nova sección complementarase coa tradicional exhibición de documentais musicais e reforzará a aposta do ciclo pola conexión entre cinema, música, territorio e identidade.
A convocatoria está aberta ata o vindeiro 31 de xullo e está dirixida tanto a persoas físicas como xurídicas que presenten videoclips producidos a partir do 1 de xaneiro de 2025. As obras deberán ter unha duración máxima de oito minutos e manter unha vinculación significativa con Galicia, ben sexa pola dirección, a produción, a localización da gravación ou pola procedencia da banda ou artista protagonista.
A participación é totalmente gratuíta e a inscrición poderá formalizarse a través do formulario habilitado na páxina web do festival Osa do Mar.
O concurso contará con tres galardóns. O Premio do Xurado Profesional estará dotado con 500 euros e será decidido por especialistas dos ámbitos audiovisual e musical. Ademais, haberá un Premio do Xurado Fundación Eu Son, concedido por usuarios e usuarias da entidade, e un Premio do Público, que se decidirá mediante a votación das persoas asistentes á sesión de proxección dos traballos finalistas. Ambos os dous recibirán unha distinción en especie.
A resolución do certame celebrarase a mañá do sábado 5 de setembro nun acto central dentro do festival Osa do Mar. Durante a xornada proxectaranse os videoclips finalistas, o público poderá emitir o seu voto e, posteriormente, terá lugar a entrega dos premios.
Con esta nova proposta, Plataforma Ultramar amplía as liñas de traballo de 'Pantallas Sonoras' e reforza o seu compromiso coa promoción da creación audiovisual galega vinculada á música, ao tempo que consolida Burela como un punto de encontro para proxectos culturais innovadores.