Pagasalgo nace en Ribadeo para ofrecer ocio durante todo o ano e mobilizar a mocidade

AMariñaXa
A nova asociación cultural estrearase este sábado 24 de outubro cun torneo de petanca organizado xunto co club local e aberto á participación da veciñanza
asociación-cultural-Pasalgo-Ribadeo
21 Oct 2026

Un grupo de mozos e mozas de Ribadeo puxo en marcha a Asociación Cultural Pagasalgo co propósito de dinamizar a vida social e cultural da vila durante todo o ano e ofrecer alternativas de ocio máis alá da tempada estival. A iniciativa busca implicar a mocidade na vida local, reforzar os vínculos coa veciñanza e crear novos espazos de encontro e convivencia.

A asociación prepara unha programación diversa que incluirá torneos de petanca, proxeccións audiovisuais, obradoiros gastronómicos e concertos, entre outras actividades abertas á participación cidadá. A intención é contribuír a desestacionalizar o ocio en Ribadeo e favorecer tanto a participación social como o encontro entre xeracións.

A primeira actividade oficial terá lugar este sábado 24 de outubro cun torneo de petanca organizado en colaboración co Clube de Petanca de Ribadeo. A xornada completarase cun vermú. A participación estará limitada a un número determinado de prazas e as persoas interesadas deberán inscribirse por equipos de tres integrantes. A información sobre a convocatoria poderá consultarse nas redes sociais da asociación, a través do perfil @pagasalgo.

Pagasalgo tamén abre a porta a todas as persoas que queiran colaborar coa iniciativa a través dunha cota anual de 25 euros. As persoas socias poderán coñecer a programación con antelación, participar activamente na organización das actividades e acceder a descontos nelas.

Desde a asociación agradecen a boa acollida recibida e animan a veciñanza a sumarse ao proxecto para construír un Ribadeo máis activo durante os doce meses do ano.

0.14769005775452