Ourol promoverá unha charla para reforzar a comunicación e o acompañamento nas familias

O Concello de Ourol organizará unha nova actividade enmarcada no programa Educando en Familia coa celebración da charla “Familias que coidan, familias que escoitan”, unha iniciativa dirixida ás familias do municipio interesadas en afondar na comunicación e no acompañamento emocional no ámbito familiar.
A sesión desenvolverase o sábado 6 de xuño no antigo colexio de Ourol, en horario de 11.00 a 12.30 horas, e contará coa colaboración do Departamento de Servizos Sociais do Concello.
A proposta forma parte do ciclo de actividades programadas como peche do curso escolar e estará impartida por unha pedagoga especializada en intervención educativa e familiar. O obxectivo pasa por ofrecer ás familias un espazo de reflexión e intercambio de experiencias arredor da escoita, os coidados e as relacións no fogar.
Desde o Concello sinalan que esta iniciativa pretende favorecer ferramentas que contribúan a fortalecer os vínculos familiares e mellorar a convivencia, creando ademais un punto de encontro para compartir inquedanzas e experiencias entre nais, pais e persoas coidadoras.
A actividade está aberta á participación das familias do municipio interesadas nesta temática.