Ourol ofrece axudas de ata 300 euros para o transporte do alumnado que estuda fóra do municipio

AMariñaXa
As subvencións están destinadas a alumnado de Bacharelato, Formación Profesional e estudos universitarios e o prazo para solicitalas remata o 13 de outubro
bus-parada-escolar
3 Oct 2026

O Concello de Ourol abriu a convocatoria de axudas ao transporte destinadas ás persoas mozas empadroadas no municipio que realizaron estudos fóra do termo municipal durante o curso académico 2025-2026. As subvencións están dirixidas a estudantes de Bacharelato, ciclos formativos de grao medio ou superior e ensinanzas universitarias, incluídos graos, másteres, teses e doutorados, sempre que non se cursasen a distancia ou en modalidade online.

Para poder acceder a estas axudas é necesario estar empadroado no Concello de Ourol e ter estado matriculado durante o curso 2025-2026 nun centro de ensino financiado con fondos públicos. Quedan fóra da convocatoria os estudantes que puideron ser beneficiarios da "Tarxeta Xente Nova" da Xunta de Galicia durante ese curso. No caso de alumnado que quedase excluído desta tarxeta por razón da idade, poderá solicitar a subvención correspondente aos meses nos que non estivese incluído no seu ámbito de aplicación, tomando como período lectivo de setembro a xullo.

A contía da axuda determínase en función da distancia entre o centro de estudos e a sede do Concello de Ourol. Para percorridos de entre 1 e 15 quilómetros establécese unha subvención de 100 euros, mentres que entre 15 e 50 quilómetros a contía ascende a 150 euros. Os estudantes que se despracen entre 50 e 175 quilómetros poderán recibir 200 euros e, para distancias superiores aos 175 quilómetros, a axuda será de 250 euros.

Ademais, o alumnado que cumpra os requisitos e curse os seus estudos fóra de Galicia poderá acceder a unha subvención única de 300 euros.

As persoas interesadas deberán presentar a solicitude antes do 13 de outubro de 2026. A documentación requirida inclúe o modelo oficial debidamente cuberto e asinado, unha copia cotexada do DNI e unha certificación bancaria da conta corrente da persoa solicitante.

Para xustificar o pagamento, o alumnado universitario deberá achegar tamén a matrícula, o expediente académico ou unha certificación do centro que acredite que se presentou polo menos ao 50 % das materias matriculadas no curso 2025-2026, así como documentación que permita identificar a localidade onde cursou os estudos. No caso de Bacharelato e Formación Profesional, será necesario presentar o boletín de cualificacións ou unha certificación académica do centro, ou ben un documento que acredite igualmente a presentación a polo menos o 50 % das materias.

As bases reguladoras da convocatoria foron publicadas no BOP número 221, do 26 de setembro de 2026. O Concello de Ourol ofrece información sobre estas axudas en horario de 9.00 a 14.00 horas e a través do teléfono 982 559 109. O modelo de solicitude está dispoñible na sede electrónica municipal: sede electrónica do Concello de Ourol.

0.14590382575989