Ourol converterase no epicentro da cultura tradicional coa IV edición das Xornadas Etnográficas da Mariña

A música de raíz, a memoria e as tradicións populares protagonizarán unha intensa fin de semana en Ourol os días 26 e 27 de setembro. O municipio acollerá unhas xornadas de cultura tradicional cun programa que reunirá artistas e agrupacións procedentes de diferentes puntos da provincia e que combinará actividades formativas con propostas abertas á participación.
A primeira cita será o sábado 26 no Edificio Multiúsos, onde ás 11.30 horas terá lugar a apertura. A programación continuará ás 12.00 co obradoiro "Ollar o pasado cos ollos do presente", impartido por Leticia Rei e Miguel Lesta. Pola tarde, ás 16.00 horas, Ugia Pedreira estará á fronte de "Cantares de vida".
A partir das 19.00 horas, a actividade sairá á Praza do Concello cunha gran foliada na que participarán A Rebolaxe, de Cervo; As Ferriñas, do Vicedo; Amado Lar, do Valadouro; Arume, de Burela; Espera que vou mexar, de Ourol; Pandeireteiras da Sementeira, de Viveiro; Pandeireteiros do Inferno, de Ribadeo; e Xaora, de Xove.
A noite reservarase para os concertos. Balteira e Do Rivés actuarán desde as 22.30 horas e, unha vez rematadas as actuacións, celebrarase unha foliada aberta.
O domingo 27 a programación continuará na Praza do Concello. Ás 13.00 horas, Oxeito con Airiños da Freba presentará "Verbena Galega D'Antes", unha proposta participativa que recuperará o espírito das antigas verbenas.
As xornadas chegarán ao seu final ás 18.00 horas cunha mostra etnográfica e a clausura, acompañadas polas actuacións de Amado Lar, do Valadouro, e A Volta do Agro, de Lugo.
Ourol reunirá deste xeito durante dous días diferentes formas de achegarse ao patrimonio cultural galego, desde a transmisión de saberes e a música tradicional ata o baile e as foliadas.