Ourol celebra dúas xornadas de cultura tradicional con obradoiros, foliadas e concertos

Ourol converterase os días 26 e 27 de setembro nun punto de encontro arredor da cultura tradicional cunha programación que combinará obradoiros, música, foliadas e unha mostra etnográfica. As actividades repartiranse entre o Edificio Multiúsos de Ourol e a Praza do Concello ao longo de dúas xornadas.
O programa arrancará o sábado 26 ás 11.30 horas no Multiúsos coa benvida e apertura das xornadas. Ás 12.00 horas, Leticia Rei e Miguel Lesta impartirán o obradoiro "Ollar o pasado cos ollos do presente", mentres que ás 16.00 será a quenda de Ugia Pedreira coa proposta "Cantares de vida".
A actividade trasladarase pola tarde á Praza do Concello. A partir das 19.00 horas celebrarase unha foliada coa participación de A Rebolaxe, As Ferriñas, Amado Lar, Arume, Espera que vou mexar, Pandeireteiras da Sementeira, Pandeireteiros do Inferno e Xaora.
A música continuará ás 22.30 horas cos concertos de Balteira e Do Rivés. Ao remate das actuacións abrirase unha nova foliada para favorecer a participación do público.
A segunda xornada desenvolverase o domingo 27 na Praza do Concello. Ás 13.00 horas chegará a "Verbena Galega D'Antes", un espectáculo participativo de Oxeito con Airiños da Freba.
O programa concluirá ás 18.00 horas cunha mostra etnográfica e o acto de clausura, que contará coas actuacións de Amado Lar, do Valadouro, e A Volta do Agro, de Lugo.
As xornadas propoñen así unha fin de semana para achegarse a diferentes expresións da cultura popular galega, combinando a transmisión da memoria e das tradicións con música e actividades participativas.