Ourol achega ás familias novas ferramentas para acompañar as persoas con alzhéimer

AMariñaXa
A sesión celebrarase o 24 de setembro no Edificio Multiusos e abordará estratexias para favorecer a estimulación cognitiva, o benestar e a calidade de vida
Imaxe-recurso-persoas-maiores
17 Sep 2026

O Concello de Ourol organizará o vindeiro 24 de setembro unha charla divulgativa sobre as terapias non farmacolóxicas na enfermidade de alzhéimer, unha iniciativa coa que se pretende ofrecer información, recursos e ferramentas tanto ás familias e persoas coidadoras como ao conxunto da poboación.

A actividade desenvolverase en colaboración coa Asociación de Familiares de Persoas con Alzheimer e outras Demencias de Viveiro e terá lugar no Edificio Multiúsos do Concello de Ourol, entre as 16.00 e as 17.30 horas.

Durante a sesión daranse a coñecer diferentes estratexias e intervencións que non recorren aos medicamentos e que poden servir como complemento na atención ás persoas con alzhéimer e outras demencias. Entre os aspectos que se abordarán estarán as ferramentas destinadas a favorecer a estimulación cognitiva, o benestar persoal e a mellora da calidade de vida.

A charla buscará tamén proporcionar orientación ás familias e ás persoas encargadas dos coidados, facilitándolles recursos que poidan resultar útiles no día a día e no acompañamento das persoas afectadas por este tipo de enfermidades.

A encargada de impartir a sesión será unha educadora social da Asociación de Familiares de Persoas con Alzheimer e outras Demencias de Viveiro, que achegará aos asistentes información sobre as posibilidades que ofrecen estas intervencións e a súa aplicación no ámbito cotián.

A proposta, impulsada polo Departamento de Servizos Sociais do Concello de Ourol, estará aberta a toda a poboación, polo que poderá participar calquera persoa interesada en coñecer máis sobre o alzhéimer, outras demencias e as alternativas existentes para contribuír ao benestar das persoas que as padecen.

0.14175486564636