Ourol abre a preinscrición para cubrir dúas vacantes na Casa Niño Paxariños

AMariñaXa
As familias interesadas poderán presentar as solicitudes ata o 12 de xuño para acceder ao servizo de atención á primeira infancia situado no antigo colexio Vicente Casavella
casa-niño
6 Jun 2026

O Concello de Ourol anunciou a apertura do prazo de preinscrición para a Casa Niño Paxariños, un recurso destinado á atención e coidado de nenos e nenas de curta idade que desenvolve a súa actividade nas instalacións do antigo Colexio Vicente Casavella.

O proceso permanecerá aberto entre os días 5 e 12 de xuño e permitirá cubrir dúas prazas actualmente dispoñibles, ata alcanzar a capacidade máxima autorizada do centro, fixada en cinco persoas usuarias.

Poderán optar a estas vacantes as crianzas nacidas entre os anos 2024 e 2026 que estean empadroadas no municipio de Ourol ou en concellos da contorna. Entre os requisitos establecidos figura tamén a necesidade de contar coa cartilla de vacinación actualizada.

O Concello explica que o procedemento de adxudicación dependerá do número de solicitudes rexistradas. No caso de que a demanda non supere a oferta existente, a comunicación das prazas concedidas realizarase o propio 12 de xuño. Pola contra, se o número de peticións é superior ás vacantes dispoñibles, o proceso incluirá a publicación dunha listaxe provisional coas puntuacións obtidas tras a aplicación do baremo correspondente o día 15 de xuño.

As persoas solicitantes disporán entón dun prazo para presentar reclamacións ata o 18 de xuño, mentres que a resolución definitiva e a publicación das listas finais están previstas para o 22 de xuño.

Desde a administración local lembran que, en caso de existir máis solicitudes que prazas, aplicarase a orde de prioridade e os criterios de valoración establecidos pola Xunta de Galicia. Para resolver dúbidas ou ampliar información sobre o proceso, as familias poden contactar directamente coa Casa Niño Paxariños a través da súa responsable educativa, Thaís Rivera López.

0.13422417640686