Os veciños dun edificio de Vegadeo denuncian anos de inundacións sen solución efectiva

Os veciños e propietarios do inmoble situado no número 22 da Avenida de Galicia, en Vegadeo, decidiron facer pública a súa situación tras anos sufrindo inundacións recorrentes provocadas polas crecidas do río Monjardín. Trátase dun dos edificios máis afectados do municipio, onde os episodios de entrada de auga deixaron de ser excepcionais para converterse nun problema frecuente que, segundo denuncian, se agrava pola falta de actuacións eficaces das administracións competentes.
Tal e como explica Cristina, veciña do edificio, as inundacións prodúcense actualmente cada poucos meses e mesmo durante varios períodos consecutivos. A auga chega de maneira habitual a uns 45 centímetros no portal, alcanzando nos episodios máis graves ata 95 centímetros de altura. Esta situación provoca danos continuos tanto na estrutura do inmoble como na vida diaria das persoas que residen nel.
O edificio presenta importantes deficiencias derivadas destas crecidas repetidas, entre elas desprendementos de ladrillos na fachada, humidades persistentes que afectan ao revestimento e á pintura, así como danos nos contadores de auga e electricidade. Todas estas patoloxías figuran no Informe de Avaliación do Edificio, datado en agosto de 2022 e remitido tanto ao Concello de Vegadeo como ao Principado de Asturias, no que se establecía un prazo máximo de dous anos para a súa corrección. Pasado ese tempo, os problemas continúan sen resolverse ao non abordarse a raíz da situación.
Ademais dos danos materiais, os veciños alertan dun risco constante para a seguridade das persoas. As inundacións dificultan ou mesmo impiden o acceso ao inmoble, obrigando nalgúns casos a permanecer horas dentro ou fóra das vivendas ata que baixa a marea, ou a atravesar a auga con perigo de caídas, unha circunstancia especialmente preocupante nun edificio no que residen persoas maiores. Tamén se teñen rexistrado danos en vehículos estacionados nas inmediacións do río.

Os afectados recoñecen que existen factores naturais imprevisibles, como as choivas intensas ou as mareas vivas, pero consideran inxustificable a inacción prolongada dos organismos responsables, que levan anos coñecendo o problema sen adoptar medidas a curto nin a longo prazo. Segundo sinalan, esta falta de resposta está a provocar un desgaste físico, económico e emocional crecente entre os residentes.
Os veciños aseguran que esgotaron as vías de diálogo institucional, con reunións mantidas tanto co alcalde de Vegadeo como con representantes de instancias superiores. Ante a ausencia de resultados, decidiron recorrer aos medios de comunicación para visibilizar unha situación que consideran límite e reclamar a execución inmediata do Proxecto de defensa de Vegadeo fronte ás avenidas, xa redactado, avaliado ambientalmente e orzamentado.
Neste contexto, esixen ao Concello de Vegadeo, ao Principado de Asturias, á Demarcación de Costas e á Confederación Hidrográfica do Cantábrico que asuman as súas responsabilidades e poñan fin ao intercambio de competencias entre administracións. Anuncian tamén o rexistro dunha denuncia formal dirixida ás institucións implicadas, incluído o Defensor do Pobo, e solicitan que o asunto sexa levado ao Pleno municipal para o seu debate.
Os afectados insisten en que non se trata dunha reivindicación política, senón dunha cuestión de seguridade pública e responsabilidade institucional. “Non pedimos privilexios, pedimos poder vivir sen medo”, conclúen, advertindo de que Vegadeo non pode seguir esperando.