Os turistas da Mariña fan estadías cada vez máis longas

TerraChaXa | AMariñaXa
Os establecementos hostaleiros adheridos ao Turismo Slow Norte de Galicia están a notar como as estadías dos visitantes son cada vez máis longas situándose entre os 5 e os 7 días.
5 Mar 2019

Os establecementos hostaleiros adheridos ao Turismo Slow Norte de Galicia están a notar como as estadías dos visitantes son cada vez máis longas situándose entre os 5 e os 7 días. Nas últimas horas tivo lugar no Valadouro unha xuntanza da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, coa empresa Promove Consultoría, que é a responsable do desenvolvemento deste proxecto, e coas firmas turísticas da comarca que están a participar no mesmo e que nun ambiente distendido traballaron na planificación estratéxica do devandito proxecto.
As Mancomunidades da Mariña Lucense e de Ferrolterra, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, puxeron en marcha este proxecto pioneiro na nosa comunidade e tamén en España, o Turismo Slow Norte de Galicia.
Segundo explica o equipo técnico que está a desenvolver esta iniciativa “o Turismo Slow Norte de Galicia é un proxecto de participación voluntaria para aquelas empresas de aloxamento que cumpran os requisitos e, sobre todo, que teñan a motivación e ilusión necesarias para participar nun proxecto colectivo deste tipo e que fagan un triple compromiso: o compromiso ambiental, de sostibilidade e o coidado do entorno; o compromiso coa calidade (priorizando a calidade dos aloxamentos e a profesionalidade das persoas responsables deses aloxamentos); e o compromiso co proxecto, que se refire á implicación e o interese pola consolidación do mesmo”.
E indican que “así nas reunións do grupo de empresas participantes no proxecto establécense as tarefas para continuar co desenvolvemento dun produto innovador e sostible, que poña en valor as características sociais, culturais e naturais do noso destino turístico, que presenta unha vantaxe moi valorada por aquelas persoas que escapan da masificación turística, como é precisamente a tranquilidade e a súa riqueza patrimonial e gastronómica. Ademais, comentáronse os efectos que se están notando xa nos aloxamentos adheridos ao proxecto, nos que as estancias da clientela aloxada son cada vez máis amplas, quedándose de media entre 5 e 7 días”.
Pola súa banda, a axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hemida, sinala que “despois do traballo feito en Fitur pola Mancomunidade, onde mantivemos reunións con operadores turísticos interesantes para o territorio, e do éxito acadado polo vídeo promocional presentado en Madrid -chegándose a compartir por cerca de 3.000 persoas- visitouse tamén Xantar, en Ourense, co obxectivo de valorar asistir a esta feira de forma conxunta nun futuro”.
Hermida conta que “nestes meses séguese a traballar en beneficio do xeodestino con este proxecto do Turismo Slow, co das Rutas de Artesanía, artellando o material promocional e presentación das Audioguías Ficcionadas e nunha nova páxina web para dar a coñecer e promocionar A Mariña Lucense de forma completa, o Camiño Norte de Santiago e algunha das rutas de sendeirismo con maior potencialidade turística. Ademais, proximamente darase a coñecer o redeseño que se fixo do logo co fin de reforzar e empezar a traballar de forma homoxénea a imaxe que se transmite do xeodestino. Outro tema de importancia no que non se están escatimando esforzos é o da formación, valorando as necesidades dos diferentes axentes turísticos coa intención de ofrecer un programa interesante e acorde á demanda”.

0.194983959198