Os socialistas reclaman reforzar a limpeza viaria e melloras en infraestruturas municipais en Mondoñedo

O Grupo Municipal Socialista de Mondoñedo volveu poñer sobre a mesa unha serie de propostas dirixidas ao executivo local do Partido Popular, centradas principalmente na mellora dos servizos públicos, o mantemento urbano e a planificación de infraestruturas estratéxicas do municipio.
Entre as principais demandas figura a adquisición dunha máquina varredora mecánica para reforzar as tarefas de limpeza viaria. Os socialistas consideran que se trata dun investimento relevante, pero necesario para modernizar o servizo e mellorar o aspecto xeral das rúas. Segundo sinalan, esta incorporación permitiría optimizar os tempos de limpeza e, ao mesmo tempo, racionalizar o uso do persoal municipal, liberando recursos humanos para outras funcións de mantemento en espazos públicos.

Neste sentido, o PSdeG tamén lembrou que o goberno local adquiriu no seu día unha máquina de limpeza da que, segundo denuncian, non se coñece con claridade nin o seu emprazamento nin o seu uso efectivo. Para os socialistas, a planificación dos recursos públicos debe estar orientada a dar resposta real ás necesidades da veciñanza, destacando que a limpeza urbana segue a ser unha prioridade.
Outro dos puntos destacados da intervención socialista foi a petición de reposición dos bancos retirados na Alameda dos Remedios. O grupo da oposición considera que este espazo emblemático de convivencia non pode verse privado de elementos básicos de descanso e uso cidadán. Apuntan, ademais, que o goberno municipal informou de que estes elementos están en proceso de reparación ou substitución.
No apartado de mobilidade e infraestruturas, o PSdeG propuxo a creación dun grupo de traballo específico para analizar a situación da estación de autobuses. A súa proposta pasa por reunir administracións, colectivos sociais e veciñanza co obxectivo de definir solucións conxuntas para mellorar o uso e o mantemento dunha infraestrutura que consideran clave como porta de entrada á cidade. Desde o goberno local indicouse que existe xa un orzamento previsto para actuar neste equipamento.
Os socialistas tamén preguntaron pola renovación do convenio cos artesáns dos Muíños, ao que o executivo respondeu que se está a traballar nunha nova ordenanza reguladora. Así mesmo, interesáronse polo estado da Ponte de Arco, en Masma, que permanece pechada ao tráfico á espera de informes técnicos sobre a situación dos seus piares.
Outro asunto abordado foi a Casa da Cultura, un equipamento municipal que leva anos sen actividade. O goberno do PP asegurou que as obras de rehabilitación continúan en marcha e que a previsión é poder finalizalas antes do verán, aínda que sen data pechada.
No ámbito enerxético, o PSdeG preguntou polo proxecto do parque eólico “Baro”, que xerou inquedanza entre a veciñanza. Segundo a resposta do goberno local, trátase dun expediente en fase inicial de tramitación e o Concello non deu o seu visto e prace ao proxecto.
En relación co Plan Rexurbe, os socialistas cuestionaron a intervención nun edificio fronte á Praza de Abastos, sinalando a desaparición da súa fachada tradicional. O executivo explicou que non foi posible a súa conservación por falta de consistencia estrutural, motivo polo cal se procedeu á súa retirada.
Por último, tamén se abordou o estado de varias vías rurais, como as pistas de Argomoso e a estrada que conecta Maariz con Supena. Desde o goberno local indicouse que estas actuacións están incluídas dentro do Plan Único da Deputación.
O PSdeG conclúe advertindo de que a falta de axilidade na xestión de servizos básicos e infraestruturas pode ter consecuencias negativas para o desenvolvemento do municipio, afectando tanto á imaxe urbana como á dinamización económica e social de Mondoñedo.